O modelo urbanístico que se está a impoñer en Galiza e que leva tempo funcionando na costa mediterránea está a denunciarse en Europa por inviable ambientalmente pero sobre todo pola súa natureza especulativa, que entraña actuacións ao fío da legalidade, que leva sempre a pegada da corrupción política e que ten nefastas consecuencias económicas como a xa ben coñecida “burbulla inmobiliaria”. O parlamento europeo reclama medidas correctoras inmediatas, pero a vontade política é pouca ou nula e se non fora pola intervención do sistema xudicial en sonados casos non se tería feito nada ¿Por qué?: A relación entre política e intereses inmobiliarios non sempre é evidente e poucas demostrable, pero nalgún caso como o de Ortigueira os indicios non poden ser máis claros. Non fai falta mais que facer un repaso das empresas relacionadas co sector nas que participa o alcalde e a súa familia, ou das propiedades recentemente adquiridas en zonas de alto interese urbanístico que aparecerán como urbanizables no inminente PXOM e que fai pouco foron postas en valor con diversas actuacións do municipio ( Morouzos, Campo da Torre). Greenpeace xa sinalou fai meses a Ortigueira como zona particularmente ameazada pola marea vermella (a do ladrillo): miles de novas vivendas ao longo do litoral.