Como muro tradicional cualificou o técnico municipal a construcción da imaxe como figura no pé de foto do artigo de Novas da Galiza. Ben é certo que requiría para selo que fose revestida de pedra esa mole de formigón de dous metros e medio que ademais é a contención de unha obra de recheo de gran envergadura que modifica substancialmente a orografía do lugar. Chapado o formigón, segundo o arquitecto do concello, quedaría perfectamente legalizada a referida obra, que nunca obtería a licencia dunha administración municipal regulada como a de Ortigueira se non fose porque o rexedor municipal é nin mais nin menos que o irmán do autor da faena. Non se chegou a chapar. Si se ten un irmán ao fronte do concello, e postos a ser permisivos coa familia, sobran as puntualizacións. Destes feitos non se poden considerar anecdóticos en primeiro lugar porque o muro non é precisamente discreto pola súa envergadura, en segundo lugar porque as actitudes nepóticas nos que gobernan son absolutamente rexeitables e sobre todo porque alertan no actual contexto urbanístico da arbitrariedade que podemos esperar desta administración municipal.