ZONAS NECESITADAS DE ESPECIAL DE PROTECCIÓN DOS VALORES AMBIENTAIS

A ría de Ortigueira e o seu entorno gozan de toda a protección medioambiental posible en Galicia. Posúe a condición de ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves), ZEPVN (Zona de Especial Protección de valores Naturais), LIC (Lugar de Interese Comunitario), HP (Humidal Protexido) e acollese á protección das áreas de Rede Natura e ao Convenio RAMSAR. Realmente so lle falta a categoría de Parque ou Reserva Natural para obter unha protección legal preferente. E non fai falla enumerar cada un dos valores ambientais que xustifican tanto celo protector: Nos paneis colocados por todas as esquinas do humidal de Morouzos tedes mais que ampla información. Pero unha vez mais os feitos volven alertarnos sobre a ineficacia xurídica das leis que protexen o noso patrimonio natural coma o cultural. Moitas zonas de Galicia acollidas as mesmas leis medioambientais están sendo gravemente agredidas, nomeadamente pola recente e ameazadora furia urbanística. É o caso por exemplo de Barreiros, Foz , Ribadeo, Corcubión, Costa da Morte, entre outras, que se urbanizan masivamente afectando zonas ZEPA, LIC ou RAMSAR. A FEG (Federación Ecoloxista Galega)denuncia a falta de protección real incluso dos Parques Naturais que progresivamente ven degradarse os seus hábitats por falta de medidas eficaces que as salvagarden, asimesmo fai notar que a Administración “fai un traballo abusivamente propagandístico-mediático e trata os espazos naturais como se fosen exclusivamente áreas recreativas ou reclamos turísticos” mentres actúa con total permisividade valéndose da ambigüidade dos contidos legais. A día de hoxe segundo a FEG non existe nin un só quilómetro de mariña realmente protexido, e esixe (nos tamén o facemos dende aquí ) que se asuman os compromisos pola biodiversidade e a paisaxe adquiridos con diversos organismos internacionais (a Unión Europea entre outros) e desenvolvan estas leis que so existen como “meros documentos burocráticos”.


