Nuñez Feijoo manifestouse encendidamente en contra das medidas transitorias aprobadas polo goberno da Xunta, que limitan no prazo de dous anos a edificabilidade nos primeiros 500 metros da costa, que afecta concellos que non teñan POXOM axustado á legalidade vixente, e que ten por obxecto paralizar a escalada urbanística desenfreada que ameaza con desfigurar irreversiblemente o litoral da comunidade galega. Feijoo posiciónase da banda da CEG (Confederacion de Empresarios Galegos) que ve gravemente prexudicados os seus intereses e que considera que estes, son os intereses de toda a Comunidade. Tamén se opoñen á medida os alcaldes dos concellos que teñen paralizadas moitas ( nalgún caso enormes cantidades) de licenzas que se tiñan comprometidas, e que poñen un persoalísimo empeño en que se volva á situación anterior na que non apreciaban motivo de alarma e polo contrario unha gran ocasión de prosperidade para a súa vila. Feijoo protesta por esta situación que cualifica de desamparo xurídico para estes rexedores municipais pero tamén advirte que o retraso da entrada en vigor da lei pode ser unha chamada para movementos especulativos, supoñemos que referíndose a casos como o de Sanxenxo ( gobernado polo PP), e por outro lado avoga por unha lei do Litoral definitiva, polo que non acabamos de saber si rexeita a Lei por innecesaria ou por insuficiente, nin para qué reclama outra nova lei si lle parece que estaba todo ben como ata agora.



Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados