Coa presenza de representantes de Anduxía, Bouzas Móvete, Comité Cidadán de Defensa Para a Ría de Ferrol, Foro Social de Cangas, Fusquenlla, Plataforma Ártabra 21, Salvemos Monteferro, Amigos da Terra, Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Colectivo Ecoloxista do Salnés, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, Luita Verde e Verdegaia celebrouse unha rolda de prensa na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela na que se expuxeron as razóns da súa creación, a súa estrutura e o Manifesto “Por un Litoral Vivo”.

As súas finalidades son:

  • Compartir información e experiencias entre persoas e colectivos en defensa do patrimonio natural, social e cultural do litoral galego e propoñer alternativas de uso, conservación e restauración que conserven a costa. A Rede actuará de multiplicadora dos esforzos destinados a xerar alternativas e cambio no modelo de xestión costeiro.
  • Apoiar ás mobilizacións sociais en defensa do litoral e actos de protesta pola represión e a inxustiza (denuncias, xuízos) contra persoas e colectivos que pacificamente están a exercer o libre dereito a defendelo, difundindo alertas e convocatorias de mobilización.
  • Difundir as novas dos colectivos, logrando que transcendan do ámbito local, convertendo a Rede nunha ferramenta de amplificación da problemática do litoral galego e permitindo adoptar unha visión de conxunto das agresións á costa.
  • Aumentar a sensibilización social mediante a divulgación e a concienciación da cidadanía ofrecendo unha canle de denuncia e participación activa.
  • Xerar sinerxias que permitan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos e empresas sumando as forzas dos colectivos integrantes.