O pasado setembro a plataforma veciñal SOS Courel lanzaba un chamamento para ser difundido pola rede no que denunciaban os estragos ambientais causados pola explotación de varias canteiras de lousa en unha zona de recoñecidos e aínda promocionados valores naturais. O grave deterioro ambiental denunciado incluía a contaminación dos ríos próximos á canteira (os ríos Pacios, Vilarvacú, Quiroga e Laruda, afectados polas canteiras, encóntranse biolóxicamente mortos) e a invasión indiscriminada do escombro nas cuncas fluviais. SOS Courel alertaba contra a inminente concesión de novas licenzas mineiras que supoñerían maiores agresións en outros puntos da comarca, que finalmente foron concedidas pola Xunta en xaneiro deste ano. O colectivo do Courel que ten interposto un recurso de reposición xunto coa asociación ecoloxista ADEGA, denuncia que o lugar onde se ubicarán as minas gozaba hasta 2004 da protección da Rede Natura que lle foi retirada de forma fraudulenta polo anterior goberno da Xunta a petición da AGP (Asociación Galega de Pizarristas). Asemade engade que o estudo de impacto ambiental ignorou a incidencia das canteiras en zonas que están protexidas como Rede Natura ou como LIC. O colectivo pensa que a Xunta está a entorpecer premeditadamente o proceso de creación do Parque Natural do Courel ou a procurar restrinxilo a unha “ridícula” extensión, e permite sistematicamente actividades como a proliferación de eólicos, minicentrais, plantacións non autóctonas etc, que degradan as condicións do medio afastando as súas oportunidades de obter a catalogación PN , porque non lle interesa ao sector empresarial da minería ao que se quere protexer dende os poderes públicos. Os veciños do Courel veñen demandando dende hai moito tempo que se solventen as graves carencias que padecen en canto a servizos tan elementais como sanidade e comunicacións que lles están sendo negados, e denuncian estar sendo marxinados na aplicación de plans de desenvolvemento rural comprometidos pola Unión Europea e destinados precisamente á reactivación económica de zonas como esta cuxos valores culturais e tradicionais é desexable conservar. Pola contra a política autonómica parecería dirixida a endurecer as condicións de habitabilidade e forzar o despoboamento definitivo de este lugar que non están interesados en conservar vivo.

Dende Ortigueira Sostible apoiamos completamente tódalas demandas dos veciños do Courel pola integridade do seu entorno.