O pasado sábado na xuntanza de grupos ecoloxistase plataformas veciñais celebrada en Compostela, a práctica totalidade de organizacións presentes decidimos convocar unha manifestación o día 6 de maio, tamén en Santiago de Compostela que sirva para amosar a nosa repulsa pola degradación do territorio, un feito que ameaza á propia identidade de Galiza. Coincidíuse na necesidade de celebrar este acto reivindicativo e de denuncia dado o estado de deterioro no que se atopa o territorio galego, tanto o litoral como o interior. Se o primeiro está ameazado pola construción e as piscifactorias, non o está menos o interior, que sufre espoliación mineira como o Courel e a Terra Cha. Sen esquecer o deterioro dos cascos históricos, a destrución do patrimonio arquitectónico, a desaparición dos espazos públicos e zonas verdes, e a edificación masiva derivada da especulación depredadora da paisaxe. Existe unha grande sensibilidade social sobre as consecuencias irreversibeis que acarrea o descontrol das actuacións urbanísticas e a impunidade dos empresarios e alcaldes que os apoian. Temos agora a posibilidade de poñer freo á cementación de Galiza, de salvagardar o noso patrimonio natural, que é o mesmo que dicir o noso futuro. A nosa mobilización quedará reforzada pola convocada a nivel estatal para o dia 5 de maio para protestar polo urbanismo actual.

Entre os asistentes estabamos: Plataforma veciñal contra a piscifactoria de Baroña, Plataforma Quilmas, Amigos da Terra, Verdegaia, Fusquenlla, Salvemos Monteferro, Luita Verde, Ortigueira Sostible, Greenpeace, Foro Social de Cangas, Comisiao reunificasao GZ-Portugal, Plataforma Ártabra 21, Sociedade Galega de Historia Natural,

A Federación ecoloxista galega escusou a súa asistencia por mor da asemblea que estaban a celebrar, pero amosou o seu apoio.