Despois de sufrir dende o “desarrollismo” franquista a espoliación por parte das grandes empresas eléctricas, que explotaron os nosos recursos enerxéticos sen beneficio para o noso territorio, condenado a exportar enerxía con a única contrapartida de soportar as deficiencias no subministro e as desvantaxes ambientais, a administración autonómica anterior concibiu unha nova fórmula para prolongar o espolio tradicional na forma do Plan Eólico de 1995. Ao abeiro deste plan se impuxo a ocupación das nosas serras emblemáticas e o sacrificio dos espacios naturais e do patrimonio paisaxístico a beneficio novamente de empresas domiciliadas en Madrid, de costas aos intereses lexítimos da poboación, dos propietarios e das comunidades de montes e dos concellos. O lucrativo negocio que se vendeu baixo a etiqueta do verde e do “ben común”, abriu portas á especulación e á corrupción co mercadeo de licencias eólicas concedidas a través de tráfico de influencias, e non trouxo contrapartida algunha: Non disfrutamos de un suministro de enerxía verde, non houbo unha reducción da producción de enerxía de alto costo ambiental e nomeadamente, a administración, con esta excusa, desentendeuse de facer unha política que atendese realmente a sustentabilidade e a eficiencia enerxética empezado por implementar medidas para reducir o hiperconsumo de enerxía.

O actual goberno da Xunta ven de presentar unha Modificación ao Plan Eólico que volve a disfrazar de pretensións ambientais o mesmo modelo productivista e socialmente inxusto e está a ser fortemente contestado polas asociacións ecoloxistas. Co actual Plano Eólico a Xunta da por feito que os beneficios dun sistema de producción enerxética renovable o converten automaticamente ” nunha explotación dos recursos naturais de escaso impacto ambiental e fan apostas tan estrafalarias como “declarar a compatibilidade de estas instalacións coa paisaxe galega, dado o potencial eólico desta rexión, que faga dos parques eólico una sinal de identidade da Galiza do futuro”. Nin mais nin menos.

Nun documento intitulado “O impacto do Plano Sectorial Eólico de Galicia” ADEGA fai as seguintes propostas “para un desenvolvemento sustentable da enerxía eólica en Galiza de xeito compatíbel co medio natural e máis xusta socialmente”:

1.- Suspender a aplicación do Plano Eólico mentres se procede á súa revisión. No entanto, declarar unha moratoria real e paralizar todos os proxectos en tramitación nados ao abeiro da planificación anterior. Para debater sobre a súa revisión propomos a creación dun grupo de traballo constituído por representantes das empresas do sector, organizacións de defensa ambiental, sindicatos, Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e expertos independentes en planificación enerxética e en conservación do medio natural.

2.- Deberían ser excluidos de entrada como espacios susceptíbeis de albergaren parques eólicos alomenos todos aqueles espacios naturais que son obxecto dalgunha figura de protección legal (ZEPVNs, parques naturais, espazos en réxime de protección xeral,…). É necesario definir un mapa no que se establezan claramente as zonas de exclusión, isto é aquelas áreas do territorio nas que non é ambientalmente aceptábel a construcción de parques eólicos, como xa teñen feito outras autonomías do estado dende hai tempo.

3.- Facer unha avaliación ambiental estratéxica imparcial e rigorosa que valore tamén o impacto no medio do Plano Eólico no seu conxunto. A avaliación individual de cada un dos proxectos de parques eólicos de xeito illado (que ademais non ten en conta o impacto dos tendidos eléctricos necesarios para a evacuación da electricidade xerada) é unha ferramenta claramente insuficiente para valorar e minimizar a incidencia ambiental negativa do Plano.

4.- A Modificación do Plano Eólico debería garantir a implementación de todas as medidas necesarias para a protección efectiva do patrimonio cultural e do atractivo turístico de Galiza. Na actualidade, en moitos casos, non se están adoptando as medidas necesarias para a protección do patrimonio arqueolóxico e histórico. No que atinxe ás chamadas “Proteccións turísticas”, entendemos habería que ter en conta máis seriamente o parecer da Dirección Xeral de Turismo.

5.- Non se deberían considerar por sistema e en todos os casos os parques eólicos como de interese público e utilidade social. A administración deberá promover alternativas sustentábeis para a o desenvolvemento económico das poboacións residentes nos espazos protexidos, centrado nos valores naturais, culturais, turísticos…etc. destas áreas.

6.- O Plano Sectorial non respecta a autonomía municipal, ao impor aos Concellos a instalación de parques eólicos no seu territorio.