Os grupos ecoloxistas non acudirán a unha xornada sobre xestión forestal de plantacións que organiza a filial do Grupo ENCE no centro loxístico de Ortigueira
Organizacións ecoloxistas de ámbito estatal, asturiano, galego e local rexeitan a política de comunicación coa sociedade da empresa NORFOR (Grupo ENCE) e materializan ese rexeitamento na negativa a participaren no encontro organizado pola empresa no seu centro loxístico de Ortigueira para o próximo día 23 de xuño, ao que algunhas destas organizacións teñen sido convidadas.
NORFOR, filial forestal de ENCE, xestiona de forma directa aproximadamente 12.000 hectáreas de plantacións de eucalipto, en réxime de monocultivo, en Galicia, Asturias e Cantabria. Estas plantacións teñen suposto, polo menos nun grande número de casos, un importante dano aos ecosistemas, dado o seu carácter intensivo, con empobrecemento de solos, afeccións á cantidade e á calidade da auga e perda de biodiversidade, ademais de xeraren conflitividade social nas comunidades rurais das áreas onde a empresa realiza a súa actividade.
Dende outubro de 2004, NORFOR posúe a certificación do FSC (Forest Stewardship Council ou Consello de Administración Forestal) (1), un sistema no que a participación dos grupos interesados na xestión forestal e a transparencia viñan sendo norma. De acordo con este carácter aberto, calquera grupo interesado podía acceder a calquera aspecto da xestión dunha empresa, individuo ou grupo dedicados á actividade forestal que obtivesen o selo, agás aquela información que, polo seu interese económico, era loxicamente confidencial; isto era garantía de que a xestión non tiña nada que ocultar e calquera podía comprobar así que se cumprían os principios e criterios que ten establecido o FSC.
Mais NORFOR incumpre dende a concesión do seu certificado co principio de transparencia que daba ao FSC a credibilidade e a fiabilidade que facía do seu selo o único admitido por consenso de todos os sectores sociais, incluído o movemento ecoloxista. A pesar de se lle ter solicitado insistentemente, tanto a NORFOR como á empresa auditora responsable da súa certificación, SGS, éstas ocultan aspectos esenciais da xestión forestal que permitirían comprobar ás organizacións e persoas interesadas en qué medida se axusta aos principios que ten elaborado o FSC; ocúltanse elementos claves como a propia situación das parcelas ou o resumo do plano de xestión que a empresa está obrigada a facer público, segundo as normas do FSC.
Tamén é significativo que NORFOR non teña convocado a todo o movemento ecoloxista implicado, ou que non estean convidados grupos de Cantabria, onde NORFOR xestiona plantacións. Todo fai pensar que NORFOR non dispón dunha visión ampla do que é o movemento ecoloxista nas CC.AA. onde está presente.
Asinan este comunicado as seguintes organizacións: Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Greenpeace, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asemblea do Suído, Coordinadora Ecoloxista d’Asturies, Ecologistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia.

(1) Nota: O obxectivo da certificación forestal do FSC (Forest Stewardship Council) é garantir unha xestión forestal ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e economicamente viable, comprometida cos bosques e plantacións do planeta. O certificado forestal do FSC é o único sistema de certificación forestal que apoian as organizacións ecoloxistas, sindicais, de axuda ao desenvolvemento e de comercio xusto. Máis información en: http://www.fsc-spain.org

Noticia extraída de Xornal de Galicia.com
Mais na páxina de APDR (Asociación pola Defensa da Ria)