O informe previo a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal emitido pola Dirección Xeral de Política Territorial e publicado agora achéganos a información que ate o momento escamoteaba aos cidadáns o Concello. A través deste informe podemos coñecer os primeiros datos do proxecto realizado pola consultora CIISA que pese a consumir na súa elaboración mais de tres anos e cuantiosas dotacións presupostarías non acada os mínimos esixibles e suscita unha gran cantidade e variedade de obxeccións por parte da Xunta.
Por este informe temos coñecemento, por exemplo de que o Concello planeaba un incremento do solo edificable de 1.080.000 m2 e un aumento de 5.400 vivendas en oito anos ( 600 vivendas por ano) que supoñería un 123% mais de vivendas neste curto período. A Consellería considera que nin o solo de uso residencial nin a expansión dos núcleos rurais que se propoñen están xustificadas pola demanda que cabe esperar nun municipio que constata unha perda de poboación acusada e sostida dende fai moitos anos. O plan non establece polo tanto as súas previsións en base a un estudo xustificativo nin se respecta o principio de usos racionais dos recursos naturais para un desenvolvemento sostible que demanda a LOUG.
Asúmesmo a Consellería pon de manifesto que semellante crecemento urbanístico non figura acompañado do necesario programa de adecuación das redes de servizos en atención ás demandas previsibles que garantan un funcionamento axeitado destas, nin a previsión de zonas verdes que determina a lei de acordo coa capacidade residencial proxectada.
Por estes motivos a Xunta detecta no Plan unha gran cantidade de solo que no reúne os requisitos necesarios para ser declarado urbano pero ademais, pon de manifesto que o solo clasificado como urbanizable así coma a zona de expansión de moitos núcleos rurais invade solos declarados de especial protección de augas ,costa (franxa costeira dos 200 metros para expansión de nucleos rurais e de 500 metros para declaración de novo solo urbanizable ) e, nomeadamende se invade o Espacio Natural Ortigueira Mera, declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais que segundo a LOUG so poden ser calificados como solo rústico de especial protección. Atendendo tamén a esta protección o informe da Xunta tamén considera estes espacios incompatibles coas instalacións e infraestructuras necesarias para a instalación do campo de golf que o plan tiña previsto permitir na zona de Luama.
O informe pon de releve que “o Concello de Ortigueira posúe unha beleza natural costeira especialmente singular como así o evidencian os diversos enclaves protexidos que o avalan. Esta importante compoñente paisaxística non semella ser como debe un dos principais principios xeradores da ordenación física do PXOM” e bota en falta no ordenamento normas que favorezan a integración harmónica coa paisaxe e a coherencia coas construccións existentes tanto no que respecta ao volume como á tipoloxía.
Todo isto confirma como supoñiamos nós que os criterio claves para a elaboración do PXOM tiñan unha natureza puramente especulativa que xa se deixaba entrever nos masivos movementos mercantís que se viñan detectando en zonas ás que o planeamento outorgara interés urbanístico, a beneficio de uns poucos que teñen acceso á información privilexiada e poucos escrúpulos para facer uso dela.



Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados