A adecuación das normas subsidiarias á Lei do Solo de Galicia, a relación xurídica do arquitecto municipal co concello, as licenzas concedidas nos dous últimos anos e os expedientes de infracción abertos así como as sancións impostas polo concello e as medidas adoptadas para repoñer a legalidade urbanística serán algúns dos aspectos auditados polo organismo autonómico para comprobar o grao de salubridade da administración municipal de Ortigueira nesta materia.

Ortigueira é un dos cincuenta concellos elixidos polo Consello de Contas para esta inspección. Todos eles teñen en común que pola súa condición de concellos costeiros son mais susceptíbeis de ser obxectivo dos especuladores e consecuentemente de presentar irregularidades urbanísticas. Desta tendencia cara ao urbanismo de natureza especulativa da fe o modelo de planeamento presentado polo Concello de Ortigueira do que a Xunta remata de presentar un informe desfavorable. Outros concellos sometidos a inspección como Ares, Pontedeume, Valdoviño ou Cabanas contan xa con expedientes urbanísticos que nalgúns casos están en mans da fiscalía. Polo que atinxe ao noso, material haino de sobra para iniciar uns poucos, empezando polas actuacións no entorno do Campo da Torre denunciadas na Dirección Xeral de Patrimonio e na Dirección Xeral de Urbanismo.

En todo caso, esta liña comezada polo Consello de Contas favorece que as situacións de irregularidade urbanísticas transcendan os límites do espazo municipal afectado por intereses demasiado próximos dos que resulta dificil desvincular as solucións.