MICORRIZACIÓN PARA A RECUPERAR O MONTE

A maioría das setas que se recollen no monte viven asociadas ás raíces das plantas que as rodean, mantendo unha relación mutualista que permite a estabilidade de todo o ecosistema. Este tipo de relación chamada micorriza presenta grandes aplicacións en silvicultura, tanto no establecemento das plantacións como en producción e aproveitamento de fungos de alto valor comercial. Isto é particularmente interesante en zonas onde se desexe recuperar cultivos abandonados, en areas afectadas polos incendios ou onde os monocultivos coma o eucalipto haxa desprazado irreversiblemente a flora primixenia. A técnica de micorrizado actual permite producir inóculos coas diferentes especies características dunha zona para potenciar a súa presencia e deste xeito facilitar a micorrización e a supervivencia deas especies forestais. O metabolismo fúngico pode degradar nutrientes presentes no chan circundante que a raíz da planta non pode absorber. O micelio do fungo actúa ademais como reservorio de nutrientes e favorece enormemente a captación de auga o cal é particularmente útil en solos pobres onde fai innecesarios os abonados frecuentes e nomeadamente en zonas secas ou de pluviometría baixa. Pero ademais o fungo almacena as substancias nocivas para as plantas, aspecto é interesante na recuperación de solos contaminados por minerais pesados como en procesos de revexetación de minas.
A todo isto se lle pode engadir a posibilidade dedar un novo uso aos montes e unha alternativa aos cultivos tradicionais en zonas rurais: O cultivo de setas micorrícicas comestibles. A recolección de setas convertiuse en moitos lugares nunha actividade moi rendible cuios beneficios son comparables aos obtidos pola mesma madeira.
Unha experiencia: O proxecto derecuperación dun monte comunal coa técnica de micorriza en Larouco (Ourense)
O Concello de Larouco ten en marcha un proxecto pioneiro que conta coa colaboración da escola de agricultura ecolóxica de Vilasantar, en A Coruña, e a empresa local Rudecás. O obxectivo é recuperar vinte hectáreas de monte comunal onde se plantarán castiñeiros micorrizados, unha especie cunha resposta excelente á micorrizacióna para producción de setas. Larouco é un dos municipios mais pequenos da provincia de Ourense. Gran parte das vinte hectáreas de monte comunal que se pretenden aproveitar foron pasto das chamas en mais dunha ocasión. O terreo conta con zonas de monte baixo, pinar e outras nas que subsisten algúns castañeiros. A empresa Rudecás traballa con híbridos y posúe xa un viveiro no que leva a cabo con éxito experiencias en micorrización. Luís Rodríguez, técnico da sociedade, explica que a micorrización consiste en introducir na planta un híbrido para que o castiñeiro produza tamén setas. Aos dous meses faise unha segunda micorrización co fungo que se quere implantar. Neste caso as especies elexidas son boletus aéreos e cantarelus cibarius que acadan no mercado prezos de uns doce euros o kilo, no caso dos primeiros, y de uns 10,22 euros no dos segundos. Unha producción que se suma á da castaña y que supón para o agricultor uns importantes ingresos extras, parte de los cales chegan nunha época baixa; é dicir, en primavera e en outono, que é cando se recolectan tamén estes fungos.
Luis Rodríguez destaca que o proceso pódese realizar en calquera castiñeiro, aínda que os resultados nun exemplar adulto son mais rápidos. Neste caso, o normal é que se poida obter unha colleita aos dous anos. No caso de árbores mais novas, calculase unha espera de seis ou sete anos. A idea é crear unha árbore que teña unha dobre producción. As experiencias con castiñeiros adultos deron como resultado unha producción de uns trescentos kilos de setas por hectárea, aos seis anos.


