NACE A REDE GALICIA NON SE VENDE

O venres apresentouse en Compostela en rolda de prensa a nova rede “Galicia non se vende “ difundindo o seguinte comunicado:
“As organizacións e colectivos que conformamos a Rede Litoral Vivo, entendemos necesario estender esta rede cidadá para incorporar a outras plataformas e entidades cívicas cuxo principal obxectivo é acadar unha xestión máis sustentábel e solidaria dos nosos recursos naturais e pular por unha ordenación do territorio racional e socialmente xusta. Alén do litoral, hoxe están ameazadas grande parte do noso patrimonio natural, o patrimonio histórico e etnográfico e mesmo os xeitos de producción propios, pola extensión dun modelo económico insolidario e depredador ao servizo dos intereses capitalistas e especulativos.
Por iso, e para extender na nosa acción cívica a eses eidos, é polo que acordamos pasar a denominarnos Rede GALIZA NON SE VENDE. As nosas accións irán xa que logo encamiñadas a:
Intercambiar información e experiencias entre persoas e colectivos en defensa do patrimonio natural, social e cultural de Galiza e dos seus valores ambientais propoñendo alternativas de uso, conservación e restauración que manteñan a súa integridade. A Rede GALIZA NON SE VENDE actuará de multiplicadora dos esforzos destinados a xerar alternativas e cambios no modelo de xestión do territorio.
Apoiar ás mobilizacións sociais en defensa dos valores do territorio e actos de protesta pola represión e a inxustiza (denuncias, xuízos) contra persoas e colectivos que pacificamente están a exercer o libre dereito a defendelo e da súa legalidade, difundindo alertas e convocatorias de mobilización.
Difundir as novas dos colectivos, logrando que transcendan do ámbito local, convertendo a Rede GALIZA NON SE VENDE nunha ferramenta de amplificación da problemática do territorio galego e permitindo adoptar unha visión de conxunto das agresións ao noso patrimonio natural.
Aumentar a sensibilización social mediante a divulgación e a concienciación da cidadanía ofrecendo unha canle de denuncia e participación activa.
Xerar sinerxias que permitan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos e empresas sumando as forzas dos colectivos integrantes.
A Rede, da que non farán parte forzas políticas e sindicais, será horizontal e cunha estrutura mínima. O protagonismo será dos colectivos integrantes. Facemos dende aquí o chamamento a incorporarse a ela a tódolos grupos sensibilizados pola protección do noso territorio.
Este movemento nacido como Rede Litoral Vivo e hoxe rebautizado como “Galiza non se vende” ten un dos mais grandes obxectivos que un pobo poida procurar: unha terra viva e unha vida digna para tod@s. E comeza con un chamamento á acción, a amosar a oposición cidadán ao terrible ritmo de destrución que está a sufrir o territorio galego: un plan de acuicultura pensado para as multinacionais; un plan de portos deportivos que supón un terrible ataque á riqueza natural das nosas costas; unha lei de minaría que fai explotables todos os tipos de chan, incluso os de protección de espazos naturais; unha lei de pesca que pretende privatizar o marisqueo e tirarlle o poder de decisión as confrarías; un urbanismo salvaxe que as administracións non son quen de conter; a proliferación de parques eólicos e centrais hidroeléctricas privatizando os recursos públicos; a desprotección de miles de hectáreas antes protexidas coa creación dunha nova Rede Galega de Espazos Protexidos; Reganosa, coa súa perigosa e ilegal situación……Nunca os ataques foron tan sistemáticos nin contaron con tan unánime silencio político. É a cidadanía a que ten que reaccionar e manifestarse na data proposta do vindeiro 17 de febreiro en Compostela para berrar que Galiza non está en venda e se van esixir responsabilidades aos que tentan malvendela.”
Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s
Noticia en Vieiros e Galicia Hoxe
Nova páxina Galicia non se vende: http://galizanonsevende.org/




paisajesdealpuente dijo
En Valencia tenemos el problema ahora, en las comarcas de interior, de la implantación indiscriminada de parques eólicos, afectando por ejemplo espacios de la Red Natura 2000 y al futuro desarrollo sostenible de sus municipios. La mayor parte de ellos, ven con buenos ojos la construcción de estas instalaciones a cambio de algunos ingresos, salvo aquellos que ya los tienen y ahora se arrepienten (algunos). Han hecho barbaridades.
Nos ha llegado un reportaje publicado en Interviú titulado "en guerra contra los molinos de viento". Nos gustaría conocer algo más de lo que está pasando en Galicia con este tema.
Gracias y un fuerte abrazo.
19 Noviembre 2007 | 11:25 PM