PROMOVEMOS UNHA INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR PARA PROTEXER O LITORAL

Representantes dos colectivos que constituímos a Rede Galicia Non Se Vende presentamos hoxe en Compostela en rolda de prensa un comunicado no que se denunciaba o deslexio da administracción na defensa dos valores medioambientais e o patrimonio natural, desoíndo aos movementos sociais galegos e promocionando un modelo económico agresivo, insolidario e insustentable que, pode supoñer a destrucción de grandes espazos naturais. A exclusión da cidadanía na xestación de tal modelo quedou de manifesto perante o proceso de elaboración do Plan Acuícola no que a Consellería de Pesca mantivo encontros cos empresarios do sector das piscifactorías e, pola contra se negou a recibir aos representantes das plataformas e colectivos veciñais afectados polo plan.
Ante esta situación diversos colectivos con ADEGA e apoiados pola Rede Galiza Non Se Vende anunciaron novas actuacións que se emprenderán co obxectivo non só de garantir a defensa do noso espazo litoral e reclamar unha planificación económica socialmente xusta e sustentable senón realizar de xeito efectivo o dereito cidadán de participar nas decisións que se adoptan dende o goberno, incluíndo o lexítimo exercicio da capacidade de lexislar.
Con estes obxectivos temos a intención de presentar , ademais de outras medidas reivindicativas, unha Iniciativa Lexislativa Popular ante o Parlamento Galego co propósito de corrixir as manifestas eivas que en materia de protección do litoral ten a nosa lexislación, e garantir unha protección efectiva e permanente dos seus recursos.
Neste senso, a Lei 6/2007, do 11 de maio, de “medidas urxentes” en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galiza, constitúe tan só unha feble declaración de intencións que non garante a protección efectiva e permanente dun medio sobre o que penduran aínda ameazas tan graves como Plano Acuícola.


