SOSTIBLE SIGNIFICA….

Comecemos facendo un pouco de limpeza como manda a tradición dos bos propósitos de Ano Novo e, respectando o debido orden imos limpar en primeiro lugar o noso nome, que anda moi necesitado de rehabilitación. Non, non falo de Ortigueira Sostible, que denostada, ofendida ou defendida, cremos que aínda non denota significacións alleas á denominación do pequeno colectivo ao que da voz este blogue. Mais si ese concepto, sostible, que tomamos fai pouco mais de un ano para definir o caracter deste colectivo asemade de ortegano. Sostible é un concepto necesitado de rehabilitación porque se ben é certo que o concepto foi interesante na súa xestación, está moi desacreditado dende que o poder político económico o trasmutou coa adopción da coñecida teoría do crecemento sostible prostituíndo o seu significado ata deixalo irrecoñecible. Na actualidade a expresión desenvolvemento sostible é perversamente utilizada por grandes corporacións financeiras (o modelo Acciona, por exemplo adalid da sustentabilidade pero con grandes intereses no sector inmobiliario, enerxético, etc) que apelan á responsabilidade social ou ao medio ambiente en contextos paragóxicos e de xeito tan recorrente, que o concepto está a perder todo significado. Tanto é así que moitos teóricos críticos consideran que o chamado desenvolvemento sostible está a ser o concepto mais pernicioso dende a súa adopción, posto que de xeito insidioso o cualificativo actúa como xustificación ou paliativo dun modelo verdadeiramente insustentable non só cara ao futuro senón dificilmente admisible no presente dende un mínimo de conciencia ética. Este modelo asimila desenvolvemento con crecemento continuo e consumo con benestar e motor único do progreso social. A súa pretensión fundamental é garantir que poidamos seguir crecendo e consumindo mais e perante mais tempo, de tal forma que o noso actual xeito de vida se sosteña indefinidamente. Pero o crecemento continuo é en pura lóxica inviable na nosa realidade finita e está a xerar un mundo crecentemente inxusto e ingobernable que de ningún modo pode adoptar para si a cualificación de sostible.
Xa en 1971, na súa obra sobre a relación entre a física, a economía e a ecoloxía “The entropy law and the economic process” o economista americano de orixe romanés, Nicholas Georgescu-Roegen mostraba a contradicción da teoría económica do crecemento mostrando que só o decrecente é factible no mundo finito que é a realidade do noso planeta. Este estudio deu lugar á teoría do decrecemento sustentable que pretende desmontar o arraigado prexuízo social que vincula indisolublemente benestar e consumo, crecemento e progreso, mellora material e felicidade. Decrecemento non é retroceso como pretenden os detractores, simplemente entende que desenvolvemento non é o mesmo que mellora material senón acceso á saúde, á cultura e a unha maior felicidade. E, rigorosamente, só a un modelo semellante se lle pode aplicar o cualificativo de sostible, o que nós suscribimos e defendemos. ( Ademais de outra moita información este é un estudio sinxelo que vos recomendo sobre esta teoría ).
Sostible pode ser Ortigueira, necesitada de desenvolvemento, certo é. Pero non é un crecemento material o que propoñemos. Todos os que habitamos Ortigueira podemos aspirar a vivir con maior calidade, pero algúns valoramos moito e non estamos dispostos a renunciar a aquelo que nos aporta aquí e agora benestar e que outros están dispostos a estragar en favor dun beneficio particular que se defende como progreso para todos. Os sostibles de Ortigueira somos mais ambiciosos e moitísimo mais esixentes. Queremos beleza, saúde, harmonía e cultura, unha sociedade democraticamente sana, solidaria e participativa. Nada que se acade a través de costosas obras públicas. Queremos menos cemento e mais honestidade política. Queremos grandes investimentos en... imaxinación.
Feliz Ano novo a todos.



adam smith dijo
qué clase de teoría renega do desenvolvemento material a cambio de saúde, cultura, felicidade cando é imposible sen medios económicos soster un tecido cultural, sanitario ou educativo?, e se a demanda se incrementa nestes ámbitos é necesario aumentar os investimentos, crecer, desenvolverse. Mesmo o que chamamos felicidade, que para racionalistas e materialistas é básicamente o benestar material, susténtase nun mínimo vital material.
9 Enero 2008 | 05:08 PM