UNHA NOVA AMEAZA PARA GALIZA: OS TRANSXÉNICOS

Organismos xenéticamente modificados, OXM, transxénicos, cultivados e logo utilizados na nosa alimentación. O Ministerio de Medio Ambiente vai a autorizar un ensaio de cultivo masivo dunha especie de millo transxénico en tres localidades da nosa comunidade. O cultivo de OMX ven sendo moi cuestionado dende moitos sectores polos riscos ambientais, sanitarios, económicos e sociais que entraña, pese a resistencia e as fortes presións do poderoso sector das multinacionais da alimentación, influentes na política a todos os niveis.
No tocante ó prexuízo ambiental que poidan causa-los alimentos transxénicos e a súa producción - sustentados tanto pola realidade coma polos ensaios científicos- responsabilízaselles da propagación descontrolada de OMX, que ó posuíren xenes que lles confiren vantaxes fronte ós vexetais convencionais poden entrar en competencia desigual con estes, co que se propiciaría unha diminución da biodiversidade vexetal e a aparición de plantas resistentes ós herbicidas. A resistencia aos pesticidas é precisamente a gran vantaxe dos OMX, polo que deste xeito multiplicaríase o uso de estes tóxicos na agricultura, cos conseguintes riscos de contaminación ambiental, alteración dos ecosistemas e danos na saúde humana.
Pero aínda peor son as funestas consecuencias sociais que está a producir sobre as poboacións dos países, nomeadamente do terceiro mundo, no que se ten imposto o seu cultivo a gran escala. En áreas rurais miles de xentes foron marxinadas y expulsadas da súa terra cara unha existencia miserable como resultado do desenvolvemento da agricultura intensiva baseada no monocultivo de transxénicos, que se promoveu,nembargantes, como a panacea que ía rematar co problema da fame no mundo (incluído as bendicións da FAO,duramente criticada por elo) . As compañías multinacionais conseguiron incalculables beneficios, vendendo sementes ( protexidas mediante patentes), pesticidas e fertilizantes, a expensas de campesiños e pequenos productores, aos que impuxeron unha relación de dependencia absoluta . Moitas son as organizacións que atribúen a este proceso a responsabilidade do aumento da fame en 880 millóns de persoas .
Moitos somos os que, por todos estes motivos, negámonos a consumir transxénicos, pero tamén polas dúbidas que aínda esperta o seu consumo sobre a saúde humana. Poucas garantías temos de poder consumir productos completamente libres de OMX debido á unha contaminación dificilmente evitable e ata certo punto tolerada: A lexislación europea tolera unha presencia de ata un 1% de transxénicos nos productos de consumo sen a obriga de declaralo na etiquetaxe. En EEUU,non hai obriga ningunha de declarar en alimentos a utilización de transxénicos autorizados,o cal dificulta moito a aplicación da lei en Europa. Pero a contaminación por transxénicos aumenta na medida en queo seu cultivo coloniza unha superficie maior e mais próxima. Ata agora consumir productos de procedencia autóctona era unha garantía. A autorización da Xunta para os cultivos transxénicos van supoñer un paso atrás nas políticas (feitas, xa vemos, con pouca convicción) cara unha economía agraria biolóxica e sustentable. Os beneficiarios da introducción destes cultivos na nosa agricultura non van ser nin os consumidores, nin os agricultores, nin os que residan nas zonas de cultivo transxénico,senón as grandes empresas . Neste caso vai ser Monsanto Agricultura España S.L, filial da multinacional Monsanto que controla arredor do 90% dos cultivos transxénicos no mundo . Son moitas as asociacións e ONGs que apoian unha campaña lanzada a nivel mundial contra Monsanto, a empresa americana á que se responsabiliza da ruína e a morte de milleiros de agricultores e cuios intereses aquí quere amparar o goberno español e da Xunta. (Por qué unha campaña contra Monsanto?)
A organización ecoloxista ADEGA promove pola súa banda que se declare Galiza Territorio Libre de Cultivos Transxénicos do mesmo xeito que se fixo cos refugallos nucleares. Non podemos evitalos: Impidamos alomenos que se cultiven na nosa terra.


