"Nos non falamos do feísmo, entre outras cousas porque entendemos que é unha campaña tendenciosa, malintencionada, parcial e inxusta"..."de feísmo fala a Voz de Galicia, é o termo que acuñou como algo que lle interesou nun momento determinado"... Son palabras de Xosé Manuel Rosalés, profesor de secundaria e de Arquitectura e coordinador do Proxecto Terra, iniciativa do COAG que leva varios anos funcionando e que ten por finalidade introducir na educación os valores da arquitectura na configuración dos espacios que habitamos. Para Xosé Manuel Rosalés este desvirtuador termo de feísmo trata de facer recaer a responsabilidade do problema, de xeito difuso, sobre os particulares. Concordamos con Rosalés: Non se fala de feísmo para referirse aos desastres arquitectónicos cuia responsabilidade recae sobre a administración: Non se fala de naves industriais ubicadas fora de lugar, de piscifactorías sobredimensionadas e de equipamentos institucionais mal resoltos. Non se fala da falta de asistencia institucional para organizar os espacios vitais.

Detrás do feísmo están o urbanismo planificado por e para a especulación, as obras públicas desastrosas que desarticulan o territorio. E tamén, están as licencias permisivas emitidas polos concellos con fins electorais (ou outros fins), os proxectos informados favorablemente por arquitectos e aparelladores dos departamentos técnicos aínda que constitúan un descomunal atentado visual, e aprobados tamén polo COAG; os PXOMS elaborados por estudios de arquitectura reputados . Cántos arquitectos non hai detrás do feísmo. Consideramos moi positiva a iniciativa educativa Proxecto Terra do COAG para implicar á sociedade na configuración dos espacios que habita, pero cremos que o compromiso e responsabilidade desta institución debería ir moito mais alá, cando xa cabe abordar isto coma un problema ético.

Conferencia de Xosé Manuel Rosalés referenciada en Chuza

Proxecto Terra

Sobre o tema: El Feísmo en Galicia