O ALCALDE SAE DE XIRA
Oito anos na concellaría de urbanismo e seis meses na alcaldía non lle chegaron a Rafael Girón para decatarse das necesidades do medio rural no concello que goberna. Despois deste tempo disponse,e o anuncia con moita seriedade nos xornais, a percorrer as parroquias para “elaborar un certero diagnóstico que le permita apuntar las necesidades existentes e confeccionar una suerte de programa de actuación caso a caso”. Se o despoboamento acelerado non fose sintomático dabondo, suxerimos como experiencia inédita de goberno, que tente a vivir un mes en calquera delas. Quizais se decate de que algo terá que ver co éxodo rural o feito de carecer de servizos tan básicos coma saneamento, traída de auga, internet, ou sufrir un tendido eléctrico deficitario que probablemente o deixaría sen corrente varios días. Pero o que non necesita que lle expliquen é que moitas destas carencias se deben a que o Concello de Ortigueira non investiu nas parroquias as partidas destinadas a crear algunhas destas infraestructuras, e ás que, claro, xa non se pode optar de novo. Falta tamén que o Concello promova a primeira iniciativa de dinamización económica sustentable encamiñada a consolidar poboación. Pola contra, semella que tanto desleixo e desasistencia tiñan por obxecto favorecer o abandono dos lugares para, logo de seren comprados a prezo de monte, deixalos colonizar e asfixiar por plantacións de eucaliptos. A novidade desta tournée pola parroquias é anticiparse nalgúns meses as visitas que reciben con regularidade cada catro anos, e das que os veciños ben saben o que poden esperar: De aquí a dous anos quizais lles substitúan o colector do lixo, a lámpada fundida ou lle boten un camión de zahorra polas pistas. O que non vai levar Girón é a menor esperanza de futuro.



D´ALDEA dijo
Despois de oito anos de concelleiro de obras, e vai descubrir as aldeas agora!!!! ¿Non lle da vergoña?
¿Non será que están a buscar lugares como Sampaio, para negocio de algún listo?
14 Marzo 2008 | 10:01 AM