A enerxía eólica representa un suculento negocio que fai concurrir á tómbola dos Mws a empresarios de toda orixe e condición, porque ademais de ter rendibilidade garantida, a condición “verde” da enerxía eólica a fai obxecto da protección administrativa en forma de considerables axudas e subvencións. Xunto ás grandes empresas enerxéticas do Estado e ás multinacionais do sector aparecen multitude de empresarios provenientes de ámbitos de todo tipo que crearon as súas sociedades enerxéticas para a ocasión e que se deixan ver roldando á clase política que vai repartir o pastel eólico. En España grandes fortunas (moitas provenientes do ladrillo) como Entrecanales de Acciona o Florentino Pérez de ACS decidiron emprender a diversificación a través das enerxías alternativas. En Galiza atopamos a Jacinto Rey, que creou fai pouco a división enerxética Do grupo San José, a constructora que dirixe. Deste empresario sabemos que se fixo cargo da empresa Promocións Culturais Galegas, editoria do semanario A Nosa Terra, emblemático xornal nacionalista, e que se lle coñecen as boas relacións que mantén con Anxo Quintana, a quen invitou a compartir o seu iate o pasado verán. Boas relacións co Vicepresidente demostrou tamén Epifanio Campo, que se deixou ver incluso no mitin do BNG os pasados comicios e que recentemente creou a empresa GAELSA Energías SA integrada tamén por Manuel Añón, Jacobo Couceiro, José Manuel Cortizo e Manuel Jove ( ex de FADESA). Tampouco se queren quedar fora Tojeiro ( o fillo predilecto de As Pontes, nomeado polo ex alcalde nacionalista) Amancio Ortega (INDITEX), Manuel Gómez Franqueira (COREN) ou Pablo Campo (El Pais 1-3-2008)

Desta volta ás empresas se lles esixe viabilidade financeira e tecnolóxica e os proxectos someteranse a un proceso de selección público, para evitar o concurso de empresas creadas ás veces un mes antes do concurso como aconteceu perante a execución do plan eólico do anterior goberno con fins exclusivamente especulativos. Un exemplo destas prácticas foi a Sociedade Eólica de Ourol SL ou Promotora Eólica de Galicia S.L. administradas por Galaripos S.L. da que son administradores José María Campo e Pablo Campo, irmáns do ben relacionado ex alcalde, que cun ridículo capital inicial de 3000 e 4000 euros respectivamente obtiveron xunto a outras oito sociedades ( entre elas as do imputado pola fiscalía Castro Valdivia, con participacións tamén en Promotora Eólica deGalicia SL ) concesións que lles puideron supoñer plusvalías inmediatas de 80 millóns de euros.(La Voz de Galicia 7-12-2004). Un pelotazo patrocinado pola anterior administración de Fraga que se alimentou do tráfico de influencias e que rematou nun escándalo político que o actual goberno quixera evitar.

Nembargantes o modelo proposto pola actual Xunta non supón ningunha variación substancial ao respecto do plan eólico de Fraga: Diseñado ignorando clamorosamente o beneficio social, alleo a un plan enerxético realmente sustentable para Galiza, o seu obxectivo segue a ser puramente financeiro, e os beneficiarios seguen a ser exclusivamente os grandes capitais. Nin veciños, nin propietarios, nin municipios serán tidos en conta. Non se recuperarán os espacios protexidos que se ocuparan no plan anterior e pola contra serán repotenciados. Miles de hectáreas do País serán subastadas e artificializadas sen permiso dos cidadáns. O proceso destructivo do territorio de maior magnitude da historia deste pais vaise consumar en nome da sustentabilidade e dun progreso económico que nunca imos ver.