Baixo este epígrafe impartiu Felipe Senén o venres a conferencia “Itinerario pola cultura de Galicia: tradición e globalización” no auditorio do Museo da fundación Ortegalia, amena de escoitar e sempre instructiva, como adoitan ser as deste especialista en patrimonio e divulgador de gran capacidade. Felipe Senén, académico e vinculado a institucións públicas que teñen como función a conservación do Patrimonio ten nembargantes unha perspectiva sobre o tema que posiblemente no seu ámbito se podería cualificar de heterodoxa ou alomenos tan pouco “académica” como o distendido ton da súa ponencia. Nesta, como en outras ocasións deixa ver, detrás dun coñecemento profundo, a percepción dos vestixios do pasado como elementos vinculados, non tanto a un período histórico, como ao espírito humano que a través do tempo se integra nun espazo, nunha xeografía e da lugar ao que se chama cultura. Nese senso os elementos diversos do pasado son algo vivo ao longo dos séculos, que teñen posibilidades de permanencia na medida en que ese espírito, esa cultura tamén permanezan vivas. Senén atribúe a degradación do patrimonio á progresiva desvinculación das sociedade do universo simbólico do que é expresión. Cando estes signos deixan de entenderse como propios, de estar incardinados na vida, comeza o camiño da súa desaparición que é o destino das sociedades desculturizadas. Por iso a súa conservación non pode descansar só nas institucións, que medran en importancia no noso tempo, pero converten o Patrimonio en obxecto morto de museo, de manual e de tese. Felipe Senén amosou para ilustralo un expresivo debuxo de Castelao (lástima non telo a man para este post) no que se vían reverdecer as estacas que arrodeaban para protexela, unha arboriña que secaba ensombrecida por elas. Así medran e se multiplican as institucións creadas para defender o Patrimonio mentres este mingua e se empobrece sen o arraigo na conciencia colectiva que lle da sentido. Senén prognosticaba que este camiño conduciría finalmente a un patrimonio virtual confinado en museos baleiros. Paragóxicamente o local da institución anfitriona no que estabamos escoitando ao poñente, levantado para custodiar uns fondos arqueolóxicos que caben nunha caixa de mistos, ben pode representar este destino do noso Patrimonio, exaltado e explotado de xeito institucional pero de realidade ausente e case esquecida.