Costas considera que habilitar unha gran zona de acampada para o Festival é unha contribución para o mantemento da “fráxil zona dunar “ de Morouzos e a ese propósito destina os terreos comprados á beira do piñeiral. Posiblemente, Costas non visitou xamais Morouzos durante o Festival e non sabe de qué está a falar. Porque calquera que a vise algunha vez, sabe que a acampada festivaleira é absolutamente incompatible co mais permisivo dos principios de conservación medioambiental, e máis se éste constitúe “un fráxil ecosistema”, como recoñece Costas. Vindo asemade dunha institución dedicada a estes coidados, a inversión que se pensa facer para esta finalidade delata unha inquietante falta de criterio.

Nós xa temos manifestado nesta páxina o noso desacordo co concepto de “recuperación ambiental” aplicado en Morouzos, porque supón un excesivo intervencionismo e a artificialización dun espacio natural. Pero ademais este tipo de intervencións incide na súa promoción cunha finalidade turística, o que, ademais de non ser competencia das autoridades de protección medio ambiental , constitúe unha estratexia pouco compatible coa súa conservación. As indesexables consecuencias de utilizar os valores naturais como reclamo turístico, podémolas advertir en lugares como as illas Cíes ou as fragas do Eume, ambolos dous Parques Naturais, promovidos de xeito abusivo e irresponsable cara ó turismo, e que están a sufrir verdadeiras avalanchas de visitantes con pouca conciencia do tipo de espacio ao que acuden, provocando nun só dia un alarmante deterioro destes habitats protexidos. En Morouzos, a abundante información ambiental repartida en paneis por todas partes e o intento de restrinxir o espacio transitable ás zonas delimitadas como sendeiros peonís, así como a necesaria prohibición de transitar con vehículos rodados, perde por completo o sentido ante a “licencia para arrasar” que obteñen as miles de persoas na acampada libre do Festival Celta, e así o percibe a maioría dos cidadáns que ao longo do ano gozan deste espacio respectando as limitacións.

Cando fai un ano Medio Ambiente adquiriu os terreos lindeiros co piñeiral de Morouzos, de propiedade particular, se pensaba que se recuperarían para dar continuidade a un espacio natural interrompido abruptamente polas plantacións de eucalipto. Agora sabemos que, lonxe de iniciarse un proceso para acabar coa bárbara tradición da acampada festivaleira, o destino que van a recibir eses terreos constitúen o beneplácito definitivo para a maior agresión que recibe de xeito periódico este espacio natural e que moitos consideramos que desvirtúa innecesariamente un evento que ten a pretensión de ser cultural.

Por outra banda , tamén é Costas quen considera que dunha área de servicio na que tamén se atopan paseos, aseos, duchas e aparcadoiros de recente construcción, o vello campo de futbol é a única instalación pouco axeitada para un espacio natural, e incentiva o seu traslado a unha nova ubicación pero que resulta ser zona de humidal, incluído na Rede Natura e non urbanizable. Deste xeito vai investir nun campo de fútbol tan fora de ordenamento alomenos, como as actuais instalacións. Salvo que posiblemente constituirá unha alteración da paisaxe moito maior que o campo de Morouzos, no que o impacto foi notablemente mitigado coa demolición das tapias de bloque de formigón que o rodeaban. Lamentamos que Medio Ambiente demostre tomarse tan pouco en serio as súas competencias facendo investimentos en proxectos non só alleos senón contrarios aos seus obxectivos de preservar os espacios naturais segundo lle obriga a lei.