VAC: ISTO É O QUE TEMOS. É O QUE QUEREMOS?
A autovía do Cantábrico tocoulle pasar pola singular vila mariñeira de Vilalba malia que a súa vocación fose vertebrar a comunicación das comarcas do norte. Despois de agardar por ela mais de vintecinco anos, a estrada de Ortigueira – As Pontes, que tanto reivindicou o ex alcalde Campo como un logro persoal, quedou en amago de “conexión de Ortigueira coa Meseta”, como gustaba de promocionala, e pendente dun desdobre que tardará outros vintecinco anos, si chega, e si daquela lle importa a alguén. E despois chegou a VAC, o premio de consolación ideado pola anterior administración para as comarcas marxinadas das autovías, tras décadas de sufrir carreteiras de trazado irracional e caprichoso. Como se adoita a facer nesta terra, a Xunta entrante do bipartito aproveitou para vendernos por segunda vez a mesma moto, mentres que o partido saínte comezaba ao día seguinte a denunciar os inadmisibles atrasos na súa execución. E alá se foron non sei cantos veciños de mani, no bus que lles puxo o Concello e encabezados polo alcalde, para reclamar imperiosamente, en nome da dignidade popular!, a urxente e inaprazable construcción da estrada (ao mellor subirían ao bus co mesmo entusiasmo, para reclamar que desbotasen o proxecto por indesexable, pero iso xa é outro tema). A verdade é que, durante as eleccións municipais a todos os candidatos á alcaldía enchéuselle a boca na campaña prometendo facer mais que os outros en prol do vial ese. A ningún ocorréuselle cuestionar cal era a infraestructura axeitada para responder as necesidades de comunicación desta comarca con seriedade e criterio racional, nin valorar o impacto que a VAC ía provocar, nin anticipar os moitos inconvenientes que xeraría. E isto é o que temos: A reivindicada VAC discorrerá en paralelo a actual estrada ocupando miles de hectáreas sen que poidamos esperar dela mais beneficio que aforrarnos uns poucos tramos de travesía, o obrigado e fatigante paso por Viveiro camiño de Asturias e unhas poucas curvas que non tiñan que existir na carreteira da costa. Concretamente o trazado escollido, quén sabe con qué criterio, para a variante de Ortigueira, vai a deteriorar un espacio de gran valor paisaxístico ao carón da Rede Natura como Barbos, onde invade núcleos de poboación e zonas de tradicional utilidade agrícola. Quizais podamos esperar alomenos que non se converta noutra mais das moitas VAS (vías de alta sinistralidade) que temos en Galicia, todas en espera de un desdobre que as transforme nas autovías que tiñan que haber sido e non foron no seu momento. E mentres se celebra unha tan grandiosa como caduca e desfasada obra pública, infraestructuras tan esquecidas como o tren seguirán sen recibir o apoio que necesitan para constituír a alternativa eficaz, segura e sustentable que requirirá esta sociedade nun futuro non moi afastado


