As asociación e colectivos, ADEGA, Verdegaia, Amigos da Terra, Sindicato de Estudiantes, Sindicato Ferroviario da Confederación Intersindical, CGT, Stop Accidentes e a Coordinadora do Tren Rexional constituíron en Santiago a Plataforma polo Tren de Proximidade co obxectivo de traballar por un trasporte ferroviario comarcal efectivo fronte a actual política de investimento exclusivo na alta velocidade. A plataforma defende unha rede ferroviaria que fomente o equilibrio entre o rural e o urbano para favorecer a cohesión territorial e un trasporte público sustentable, accesible para todos e socialmente xusto.
A plataforma considera que unha sólida rede ferroviaria construiría a alternativa ao actual modelo de transporte baseado no coche e o camión, ineficiente e insustentable enerxéticamente, causa de gran parte das emisións de gases de efecto invernadoiro, do incumprimento do protocolo de Quioto en Galicia e no estado español, da pouca calidade do aire nas cidades e dos preocupantes niveis de contaminación acústica que deterioran a saúde pública, así como da destrucción do territorio provocada polas sempre insuficientes e permanentemente meirandes infraestructuras necesarias para o transporte privado. A consolidación do transporte ferroviario tamén constitúe o esforzo mais eficaz para combater a alta sinistralidade en carreteira, primeira causa de morte no estado.
A Plataforma polo Tren de Proximidade ten prevista unha manifestación o próximo dia 7 de maio en Santiago.



Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados