A autorización ambiental integrada que emitiu a Consellería de Medio Ambiente a medida para ENCE, ten un mérito indiscutible: Arruinar a pouca credibilidade que teñen xa as institucións medio ambientais. Con este xesto, Manuel Vázquez converte esta certificación nun trámite burocrático de tan pouca entidade como unha compulsa ou, aínda peor, nunha ferramenta política de contido maleable e antolladizo, e limita, unha vez mais, as funcións da súa Consellería a colocar o listón medioambiental tan baixo como lle impoñan os compromisos políticos alleos ás súas competencias. A través desta autorización a Xunta aproba as condicións de funcionamento do complexo en materia ambiental, pese a ter recoñecido, en palabras do Presidente, que as actuais instalacións de ENCE “non son un bo espello para mirar” ,que “a súa tecnoloxía é atrasada e xera un problema na cidade” e que, por estes motivos, o traslado da factoría é inescusable. Para xustificar a falsidade na que incorre , o conselleiro tenta pasar esta autorización por “transitoria” ao reducir o período de vixencia de oito a tres anos. Segundo asegura, pasados estes anos, non lle renovará a autorización a ENCE. Nembargantes, ou ben o conselleiro prevarica agora por ter concedido a autorización sen que a empresa cumpra cos requisitos ambientais que permiten autorizala a seguir funcionando, ou ben a empresa os cumpre e en tres anos, se as súas condicións de funcionamento son as mesmas, deberá volvérllela a outorgar para non incorrer en prevaricación. De calquera xeito, o mesmo goberno que fai dous días se amosaba partidario do traslado, ven de desautorizar o argumento mais sólido que tiña para apoialo, e consecuentemente, desautorízase a si mesmo. Difícil é decidirse a definir isto como torpeza incualificable ou como exercicio exemplar de cinismo político.



Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados