PARA OUTRA XESTIÓN FORESTAL NON ABONDA COAS UXFOR
Non se trata so de recuperar a paisaxe, aínda que a paisaxe é o dereito que ten por obxectivo recoñecer unha futura Lei galega, acreditamos que de xeito soamente testimonial .Galicia necesita unha reordenación forestal mais sustentable, que pase pola recuperación da biodiversidade fronte ás plantacións masivas de eucaliptos. A prevención dos incendios forestais está condicionada á recuperación da función protectora do monte que ofrece un ecosistema forestal san e diversificado. Actualmente os nosos montes non fixan CO2, como se pretende co obxectivo de reclamar vantaxes fiscais; pola contra, coa súa potencial inflamabilidade e co quentamento global como coadxuvante, en dez anos serán o maior foco emisor de carbono: Segundo datos da Xunta actualmente queimase unha superficie media de 67.000 ha por ano, emitindo unhas 8.576.000 tm de dióxico de carbono, moi pouco menos que a central térmica de As Pontes (consultar datos de Ramón Varela Díaz: ponencia en ADEGA o pasado 5 de xuño). Pero ademais o monte galego atópase economicamente infrautilizado, restrinxido ata agora aos intereses das transnacionais da celulosa e afogado polo monocultivo intensivo e devastador. A xestión atomizada do monte galego que impón a propiedade minifundista é un elemento mais que encarece, dificulta e fai pouco rendible a súa explotación, o que constitúe causa de abandono, elemento engadido que favorece de novo os incendios forestais.
A Consellería de Medio Rural recoñece que a prevención dos lumes pasa necesariamente por unha rexeneración da superficie forestal que traduce en incentivos económicos á plantación de frondosas, pero sabe que primeiramente é necesario un cambio que supere o sistema de explotación en pequenas parcelas. Con esta finalidade ten desenvolvido o programa de UXfor (Unidades de Xestión Forestal) para promover a constitución de comunidades de propietarios forestais que xestionen unha superficie mínima de 15 hectáreas. A explotación comunitaria abarata custes, simplifica a xestión, permite a aplicación de técnicas silvícolas e de prevención e o acceso a subvencións que lle serían denegadas aos pequenos predios, sen perder con iso os dereitos de propiedade. A Consellería estima unha alta rendibilidade: Uns 6.000 euros por ano e hectárea, dos que, ademais, o propietario poderá dispoñer por adiantado antes de cortar a madeira, pagados por entidades coas que cada UXfor establecería convenios de financiamento. A industria forestal, defensora da medida cre que se podería duplicar a producción anual de madeira poñendo a producir eficazmente grandes superficies forestais que se atopan infrautilizadas e calcula que é posible xerar uns 12.000 empregos en zonas rurais.
O novo modelo de xestión podería significar unha transformación de alcance sociolóxico e un avance notable no sistema de explotación forestal, que non cabe dúbida repercutirá nunha maior rendibilidade no sector, e nunha maior eficacia no control dos lumes. Pero sería lamentable que esta optimización fose posta ao servizo dos intereses das pasteiras e afondase no actual modelo productivista que está a ocasionar tanto dano ecolóxico. Nada impide actualmente que isto vaia a se así , pola contra é previsible que aconteza. Tamén a política autonómica que está a promover irreflexivamente o camiño sen retorno da consolidación da celulosa ENCE no noso país reforza esta situación que non se pode compensar con voluntarismo sobre o papel (ou sobre a páxina web da Consellería de Medio Rural), por moita árbore autóctona subvencionada que se plante. É necesario confiar na riqueza que pode xerar unha xestión do monte multifuncional e diversficada, que concilie a actividade económica co equilibrio ecolóxico e cos espacios humanos. Iso é o que define unha paisaxe harmónica. A paisaxe galega non vai vir determinada polas poucas e febles medidas de protección que dispoña unha Lei de Protección da Paisaxe: Galicia poderá escoller a via da ordenación racional e rigorosa do territorio, favorecer unha actividade silvícola sustentable e ás moitas empresas que poden prosperar ao seu redor ( aserradeiros, industrias do moble, da castaña ou do cogumelo). Ou pola contra apostará de novo pola explotación que está a empobrecer o entorno natural, a degradar, calcificar e desertificar o solo, que é incompatible con outros usos e que escorrenta a vida no rural.



Alias dijo
"A Consellería estima unha alta rendibilidade: Uns 6.000 euros por ano e hectárea, dos que, ademais, o propietario poderá dispoñer por adiantado antes de cortar a madeira, pagados por entidades coas que cada UXfor establecería convenios de financiamento. A industria forestal, defensora da medida cre que se podería duplicar a producción anual de madeira poñendo a producir eficazmente grandes superficies forestais que se atopan infrautilizadas e calcula que é posible xerar uns 12.000 empregos en zonas rurais."
Na miña aldea isto chámase "O Conto da Leiteira"
9 Junio 2008 | 11:01 PM