O Concello de Ortigueira anuncia a presentación de recurso ante a Consellería de Cultura e Deporte contra la resolución da Dirección Xeral de Patrimonio pola que se lle impuxo unha sanción de 24.000 euros. Segundo a nota e prensa emitida pola alcaldía, os argumentos que se van a presentar para apoiar dito recurso son exactamente os mesmos que se utilizaron nas alegacións que no seu momento tiveron oportunidade de opoñer á Dirección Xeral de Patrimonio cando se lle incoou expediente, e que dita institución rexeitou un por un.

O Concello insiste novamente en defender a licenza apoiándose en que o solar afectado aparece grafiado no Planeamento de Ortigueira como solo urbano de núcleo lineal e que por ese motivo non está afectado polo artigo 291 das Normas Subsidiarias municipais así como por delimitar ditas Normas á zona de protección do castro. Patrimonio desestimou xa estes argumentos posto que no contorno dun ben inventariado, independentemente da clasificación do solar como de núcleo rural ou urbano é de aplicación a normativa histórico artística recollida nas Normas Subsidiarias e a LPCG (Lei do Patrimonio Cultural de Galicia).

Considerando que a alcaldía non ten novos argumentos que xustifiquen o recurso, a manobra defensiva do Concello delata que a súa intención consiste exclusivamente en dilatar o proceso para eludir as súas responsabilidades. Ponse en evidencia o seu desinterese polo feito de haber producido coa súa actuación un dano considerado pola Dirección Xeral de Patrimonio como moi grave sobre un ben cultural que nin sequera se molesta considerar. Algúns cidadáns, entre os que nos atopamos, estaríamos moito mais satisfeitos se na próxima nota de prensa que sobre este asunto emitise o Concello figurasen as medidas que se pensan adoptar para restituír os prexuízos causados ao noso Patrimonio.