Non é cousa nosa. Os promotores da campaña, amigos da música tradicional, preséntanse baixo o nome de Malquemer, son vigueses e os coñecemos a través de chuza. Pero o certo é que identificámonos coa súa percepción do festival. Do que foi e do que deixou de ser de uns anos para aquí. Nós opinamos que a deriva tomada polo o festival foi planeada premeditadamente. Fai oito anos se menosprezou un evento cultural con identidade propia porque o seu xénero musical tiña o estigma de minoritario. O festival orixinal non convocaba as multitudes polas que o novo promotor, o recentemente estreado goberno do ex alcalde Campo, querían concitar atención mediática. Así invadiron o piñeiral as carpas dance e se emprendeu unha campaña para modificar a imaxe do evento eliminando os seus aspectos particulares e adoptando iso que se chama “estilo fusión”, mestizaxe, ou como queira chamarse, co obxectivo de ampliar o espectro de visitantes. Aqueles aspectos que orixinalmente lle conferían identidade quedaron reducidos a anécdota (faldas escocesas na publicidade de Estrella de Galicia, unha moderada presenza de gaitas no deslucido desfile...). Quedámonos co hippismo de atrezzo; a cambio, o Festival de Ortigueira perdeu o Celta (quizais as reminiscencias galeguistas do termo feriron algunha susceptibilidade). Acadouse o obxectivo, sen reservas: A ofensiva publicitaria, que custaba mais que o propio festival, convocou aqueles dous primeiros anos unha verdadeira marea de xente que aventaba un memorable “botellonazo”. A publicidade de Estrella, reinando sempre a súa imaxe corporativa sobre a do evento patrocinado, non podía ser mais elocuente: elenco de tribos urbanas unidas polo elemento común dun vaso de cervexa. O resultado nolo retrata Malquemer: “...atraídos por ser gratis e por poder pasar un fin de semana de drogas, alcol e música dance, xentes que non se achegan a Ortigueira a ver nin un só concerto, enchen a zona de acampada...E non só é iso: agora o sábado do festival, ata se achegan rapaces saídos da ruta do bacalao, que nin sequera están acampados”.

O expresivo cartelón da ponte do FEVE ( Ortigueira para ti) ofertaba o pobo e o seu festival aos visitantes estivais: Como en tantos lugares, o turismo converteuse no obxectivo da organización, e o único beneficio que nos cabería esperar aos residentes. Deixou así de ser un festival para os cidadáns de Ortigueira que non temos un bar, igual que o Xacobeo non é para os santiagueses que non teñen un chiringuito de souvenirs. Pero ao tempo que se achegaba xente allea ao festival, á música non electrónica, e a Ortigueira mesmo, se afastaban os incondicionais do mais reputado acontecemento de folk en Galicia. O número de visitantes descendeu progresivamente nos últimos anos. E gracias, porque evidentemente aquelas multitudes non estaban calculadas para as perfectas dimensións da nosa vila, que obrigada a embutilas, acababa sempre coas consabidas flatulencias (con perdón). O feito é que o factor cuantitativo xa non pode xustificar ( si é que algunha vez o fixo) a perda de calidade derivada da indefinición e desa falta de caracter que Malquemer denomina “a maxia” e que caracterizaba antaño esta celebración do folk. A liña emprendida estes anos atrás vense pois de revelar como un fracaso a todos os niveis. Nós apostamos como estes amigos vigueses afeccionados ao folk por unha volta ao espírito orixinal desta festa, por unha concepción mais modesta si cabe da convocatoria ( a efectos de número) pero con calidade e singularidade, que o distinga de tantos outros botellóns estivais,que renuncie á masificación e potencie o goce respectuoso dun entorno privilexiado pero fráxil, que cada ano sufre unha nova e brutal agresión promovida pola mesma administración que se encarga do seu coidado.

INVITAMOS A TODOS A PARTICIPAR NA CAMPAÑA PROMOVIDA POR MALQUEMER DENDE A SÚA PÁXINA.