O parque de Belvís en Compostela foi antes, en gran parte, zona de hortas particulares ou conventuais, vestixio das que quedan os muros de pedra que as dividían e que hoxe lle prestan a este lugar, aparte das reminiscencias históricas, a posibilidade de crear un deseño labiríntico, con subespacios como os dos giardini segreti renacentistas, nese concepto que hoxe se chamaría xardín activo porque incita á exploración, ao descubrimento e ao xogo a través de elementos lamentablemente esquecidos pola xardinería moderna: o misterio e a sorpresa. Todos estes encantos aínda sen explotar en Belvís, cabe advertilos en semente, pese a estar xa considerablemente comprometidos polo aparcadoiro que chantaron no medio, servidumes do concepto utilitarista de urbanismo, que finalmente desvirtúa os espacios sen acadar esa pretendida utilidade.

Belvís é nembargantes obxecto dunha interesante experiencia de finalidade social: Unha pequena superficie do parque foi recuperada para a súa función orixinal de horta e dividida en 29 parcelas que se asignaron a través de sorteo a composteláns, prioritariamente maiores e residentes na contorna, que se benefician da súa explotación e asumen o compromiso do seu coidado. Os veciños participan activamente deste xeito da conservación dun espacio verde na cidade, ao tempo que se lles procura unha actividade satisfactoria e productiva. É un novo modelo de xardiñería sustentable e de contido social, da que ademais podemos disfrutar todos: Visitar a horta piloto, dentro dun pequeno espacio amurallado, cos seus primorosos xardíns de aromáticas e de hortalizas, é un pracer moi recomendable nomeadamente cando se busca o frescor nun día de canícula urbana. Unha iniciativa que xa demostrou ter unha inmellorable acollida (29 persoas mais foron admitida en lista de agarda e moitas outras fixeron a súa solicitude) e que ben podería extenderse a outros espacios e vilas.