Ortigueira non vai a recibir investimentos para ampliar as suas instalacións nautico- deportivas. O Plan Director que a Xunta ven de publicar considera que “as actuais instalacións encóntranse nunha zona con grandes dificultades para a navegación por causa da falta de calado”. Tamén se considera inviable, aínda que o PP asumise tal compromiso nos comicios municipais, a construcción dun porto deportivo en Espasante, por mor da forte dinámica litoral que impón dificultades técnicas e un custo económico demasiado elevado para a administración.

Convén non esquecer que a falta de condicións naturais de Ortigueira para a realización dun porto destas características era xa evidente en 2001, cando,con criterio caprichoso e ignorando os informes técnicos, se iniciaron custosas obras para realizar unhas instalacións de atracado que nin sequera reúnen os condicionados para ser catalogados como porto deportivo. O espigón construído, en cambio, ademais de enterrar baixo formigón un fermoso e tradicional peirao de cantería e desvirtuar cun agresivo e innecesario recheo unha das liñas de costa mais protexidas ambientalmente na comunidade, está a producir alteracións na dinámica litoral de consecuencias impredicibles.

As restriccións impostas no Plan da Xunta son exclusivamente de tipo técnico–financeiro pero suficientes para restrinxir as actuacións en Ortigueira. Nembargantes os condicionados medio ambientais son en moi escasa medida considerados para desbotar outros proxectos de ampliación de instalacións nautico deportivas na costa galega, aínda que se recoñece que pode haber interferencias coa protección medio ambiental. Así por exemplo, aínda que Ortigueira posúe alomenos tres figuras de protección ambiental ( LIC, ZEPA, RAMSAR) e se recoñece que a probabilidade de interferencia con actuacións portuarias é moi alta, finalmente non é tido en conta como un motivo mais para a súa inviabilidade. O mesmo ocorre en moitas outras zonas protexidas, onde sí se realizarán ampliacións, motivo polo cal o Plan Director ten recibido unha forte contestación por parte da totalidade dos grupos ecoloxistas.

O Plan da Xunta, aínda que rexeita a realización de portos deportivos en novos enclaves, prevé aumentar a oferta ata 18.000 amarres novos en toda a costa galega (un incremento do 200% en 12 anos), o que constitúe un crecemento desmesurado e insustentable dun sector que aparece ademais estreitamente vinculado ao modelo de crecemento urbanístico antes chamado mediterráneo, agora tamén galego, que está a provocar a destrucción a gran escala de todo o litoral peninsular e que con este Plan, a Xunta pretende promover e consolidar.

Enlaces:

Plan de portos deportivos galego: 30.000 razóns para opoñerse (Greenpeace)

Alegacións ao plan de portos deportivos de ADEGA

Plan director de instalacións nautico deportivas de Galicia ( Se abre con WINRAR)