A ruta coñecida polo nome de Camiño dos Arrieiros que discorre dende As Pontes ata Estaca de Bares pola serra Faladora está documentada históricamente dende a época medieval, pero as necrópoles megalíticas e círculos líticos minuciosamente inventariados por Federico Maciñeira así como a presencia de castros, que se aliñan ao longo do seu percorrido inducen a pensar que pode tratarse dunha ruta utilizada dende épocas moito mais antigas (Maciñeira e autores posteriores sosteñen a súa datación prehistórica), e revisten o camiño de contido máxico-relixioso e lexendario, vivo aínda na toponimia e ata non fai moito na cultura popular.

Neste camiño permanecen as mámoas e dolmens que este autor atopou en relativo bo estado de conservación, respectados durante séculos polos transeúntes do camiño aínda que obxecto de espolio por ávidos buscadores de tesouros.

A instalación dos parques eólicos que sigue fielmente a liña do camiño pola cresta da serra, ten causado nembargantes danos moitísimo maiores. Dous aeroxeneradores están chantados directamente enriba dun castro. O cruceiro preto de Pena Branca perdurou intacto ata a data aproximada en que se realizaron as obras de construcción do parque que afectaron seriamente a dous túmulos da necrópole Forno dos Mouros, excavados e restaurados pola Fundación Ortegalia. A cámara megalítica mais antiga de Galiza foi nese intre trasladada ao centro arqueolóxico da Fundación porque , despois de mais de 5000 anos, parece ser que no seu emprazamento orixinal xa non se podía garantir a súa integridade. Ortegalia adquiriu dese xeito a única peza orixinal de importancia que xustifica o título de museo para o seu centro.

Pero nin fundacións , nin institucións académicas nin a administración de Patrimonio tiveron nada que obxectar á construccións dos parques que afectan gravemente un lugar dunha importancia que non se determina soamente polo seu incalculable valor documental senón porque os seus tesouros históricos forman parte dunha unidade coa paisaxe e a cultura que había de ser prioridade conservar. En ausencia dunha contundente oposición ante actividades que esixen tan alto costo ao entorno, intervencións paliativas como as da Fundación constitúen incluso a coartada e a xustificación das empresas agresoras e dos seus promotores políticos,que con este obxecto patrocinan e financian estas institucións.

Sobre o Camiño dos Arrieiros, consultar a excelente información da páxina www.celtiberia.net , da que pode tomar exemplo, por certo, a nosa eximia Fundación.