José Fariña Tojo é arquitecto e Catedrático no Departamento de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Universidade Politécnica de Madrid. Ten numerosas e encomiables publicacións, tamén na web, pero hoxe quedámonos coa reseña do seu blog que, dende fai tempo (dende que o descubrimos), aparece entre os nosos enlaces: Posiblemente é a bitácora de mellor nivel divulgativo que coñecemos que aborde o tema do urbanismo dende a perspectiva da sostibilidade. O autor entende a sostibilidade en relación ao concepto de pegada ecolóxica ou consumo de territorio que necesita unha sociedade para poder desenvolver o seu xeito de vida. O urbanismo ten experimentado un espectacular cambio de pouco tempo a esta parte derivado da utilización masiva do automóbil, que posibilitou a extensión das cidades dun xeito centrífugo e a creación do que se coñece en urbanismo como cidade difusa ou cidade a cachos que invade xa a totalidade do territorio ( e que atopou a súa consolidación legal en España na lei de 1998 que fixo “todo urbanizable”). Ao enorme consumo de superficie xenerado neste fenómeno que Fariña denomina de “interfases”, hai que sumarlle os enormes custes que comporta esta ocupación en canto enerxía, materias primas,etc. Este consumo dos recursos (consumo de planeta, en definitiva) é o que constitúe a pegada ecolóxica, da que se derivan graves desequilibrios medio ambientais e inxustizas sociais de escala mundial que non debemos ignorar mais: A reducción da pegada ecolóxica é unha cuestión de xustiza social.

Esta postura está inequivocamente vinculada á tese do decrecemento (do que xa temos falado e sobre o que seguramente voltaremos nesta páxina),concepto sen o que “xa non cabe entender cabalmente nin a sostibilidade nin a ecoloxía”, en palabras de Fernando Gaja Díaz, (citado por Fariña no seu blog), tamén profesor de urbanismo (Universidade de Valencia) e defensor desta tese con varios artigos publicados na web, dos que nós imos destacar o titulado “El suelo como excusa: El desarrollismo rampante”. Para estes dous urbanistas o obxecto da súa disciplina, que ten dende a súa orixe unha finalidade social, debe facer o seu obxectivo prioritario a redución da pegada ecolóxica., e en definitiva do consumo de planeta. O modelo urbanístico que se debe impoñer para ser eficiente debe reflectir e promover un modo de vida que consuma e contamine o menos posible e que manteña un equilibrio co medio natural, necesario para a súa propia supervivencia. Pero esta perspectiva está lamentablemente ausente da práctica urbanística que coñecemos, preocupada apenas por cuestións básicas de saneamento público, estancada no mesmo nivel en que se abordaban estes problemas nos albores desta disciplina a principios do século XIX,momento en que si constituíu un progreso social decisivo. Fariña lembra que daquela o desenvolvemento dos instrumentos necesarios para correxir as graves deficiencias da incipiente cidade industrial necesitou poñerlle límites á propiedade privada, o que provocou unha feroz resistencia no sector político. A situación actual non é moi diferente, ningún político está por tomar a iniciativa para desenvolver proxectos sostibles. A sostibilidade debe ser unha demanda social que obrigue aos gobernos, porque o previsible non é un colapso abrupto neste sistema de crecemento desmesurado senón que, rexido polas súas propias leis, o sistema se autoaxuste dese indesexable xeito que chamamos crise e que adoita afectar sempre aos elementos mais febles do sistema.

A presencia de xente con esta liña de pensamento comprometido socialmente nas universidades é de agradecer cando predominan tendencias acríticas e, en arquitectura, o formalismo esteticista invade as intervencións nos espacios públicos, que se erixen como símbolos ás veces fabulosos pero enaxenados e esquecidos da realidade social que se forxa ao seu redor.

Alguns enlaces escollidos sobre o tema:

“Ciudades saludables y sostenibles” (blog de José Fariña)

“Decrecimiento, Decroissance, Decrecita” (blog de José Fariña)

“Asimetría e incertidumbre en el paisaje de la ciudad sostenible” de José Fariña

“Involución urbanística” de Fernando Gaja Díaz

“Urbanismo y sostenibilidad ¿Una contradicción en los términos?” de Fernando Gaja Díaz