Manuel Vázquez será recordado por ser o primeiro conselleiro de Medio Ambiente que ten conseguido facer da súa consellería a mais impopular entre o ecoloxismo. Xa é mérito. Porque a labor da institución que preside non deixa de ser a habitual dende sempre: Discurso grandilocuente e compracencia tácita coas actividades mais contaminantes. Nada novo,certamente, aínda que coa propensión de Vázquez ás declaracións extemporáneas como distintivo. Pero a verdadeira novidade da súa xestión consiste en exercer unha aberta e intransixente oposición aos colectivos ecoloxistas, algúns deles cunha longa tradición na comunidade, contra os que nunca aforrou descualificacións e menosprezo. Nada comparable nembargantes ao seu último envite, que consistiu en procurarse un ecoloxismo dócil, seguramente compatible coas entulleiras de lousa, os vertidos tóxicos das celulosas e as emisións contaminantes das térmicas. O Conselleiro non tivo que ir lonxe: UGT, na súa vertente rural, Unións Agrarias, supoñemos que por aquelo de estar mais preto do campo e a natureza, foi a canteira de tantas novas vocacións ambientalistas. Representantes locais de Unións Agrarias presiden entidades de moi recente creacción con nomes tan singulares como Asociación Naturista do Ortegal (non sabemos se os tales naturistas son vexetarianos, crudívoros ou practican o nudismo polas praias). Todas estas asociacións se agrupan nunha tamén nova federación (FEGAMA) que ten acaparado este ano nada menos que o 54% das subvencións que concede a Consellería de Medio Ambiente. E isto en virtude dunha tamén recentísima modificación da norma que regula a concesión destes subsidios, feita tamén a medida para favorecelas.

Obviamente a FEGAMA é un proxecto para retirárlle axudas aos colectivos que fan unha oposición tan declarada como contundente á política ambiental do goberno (ausencia de política ambiental sería expresión mais axeitada). En si mesmo sería dabondo escandalosa esta desviación de poder se non fose porque a relación das asociacións subvencionadas coa formación sindical afín ao partido que preside o goberno da Xunta, pode ser indicio asemade dun xeito de financiamento do sindicato que non debería pasar por alto a Fiscalía Anticorrupción. Isto é particularmente grave en tanto que a corrupción é a causa dos peores males medio ambientais que padece o mundo, como demostra Transparencia Internacional nos seus informes, igual que, en sentido contrario, a mala xestión ambiental delata a presencia de prácticas corruptas na administración.