Promove o Concello de Ortigueira bos hábitos de consumo?

Pois si, pero non nos referimos ás súas pouco exemplares prácticas de gasto público que teñen provocado os notorios desequilibrios nas contas municipais que detectan os informes técnicos deste ano (seguramente eso non ven a conto nin pouco nin moito, pero é que nin polo Nadal deixamos de ser malos). Queríamos, pola contra, referenciar eloxiosamente unha actividade impulsada pola Concellaría de Servizos Sociais, que invitará á ONG “A Cova da Terra” para impartir talleres (nova na páxina do Concello coas datas e lugares das actividades) de elaboración de agasallos de Nadal a partir de materiais de reciclaxe co obxectivo de promover hábitos menos consumistas nunhas fechas de particular voracidade compradora.

A Cova da Terra é unha asociación de Lugo que traballa dende hai moitos anos a favor de do comercio xusto e do consumo responsable. Este colectivo presentará tamén o día 22 no seu local de Lugo un interesante libro, que nos tamén queremos recomendar, co título deste post: “Consumir menos, vivir mellor” de Toni Lodeiro, que defende que realmente é posible exercer o consumo responsable, e ofrece ademais unha práctica guía para superar rutinas e outras dificultades que o obstaculizan, salientando o pracer e a mellor calidade de vida que derivan da súa práctica. Sin estes incentivos autor cre improbable que a nosa hedonista sociedade renuncie aos actuais hábitos de vida, insustentables para o planeta, cimentadores da inxustiza social, pero tamén axentes da infelicidade individual.

Descargar o libro nesta web

Esperamos que vos sexa de utilidade

Cos nosos mellores desexos. Feliz Nadal e próspero aninovo.