Nas principais asociacións ecoloxistas galegas hai unanimidade. FEG, ADEGA. VERDEGAIA e outras piden a anulación do plan que prevee a instalación de 15.000 novos aeroxeneradores. Ante esta cifra desorbitada, sumada ao actual panorama, que nos desalenta dunha soa ollada nesta comarca e en todos e cada un dos sistemas montañosos desta comunidade, haberá quén necesite mais argumentos? Pois hainos arreo.

Con semellante taxa de ocupación non vai quedar libre case ningunha elevación de térreno pola que circule o vento. Desta volta si que non van deixar sitio nin para un eólico mais, e polo tanto non vai quedar hábitat natural de montaña a salvo da artificialización. Hábitats que protexen non sei cantas directivas europeas, puro papel mollado que se dedican a elaborar os mesmos que aquí gobernan en contra delas.

Nestas condicións, sen a menor vontade de ordenación do territorio non hai sustentabilidade posible, aínda que realmente este plan supuxera unha solución real ao problema da dependencia enerxética e das emisións de CO2 que están a provocar o temible quencemento global. Pero non é así en absoluto: Lamentablemente no marco da actual política enerxética, incuestionada por todos os partidos, os planes eólicos apenas teñen a condición de paliativo, non van supoñer en absoluto unha reducción das emisións e dende logo non hai posible compensación ao dano ecolóxico que producen a estas escalas de implantación.

O plan da Xunta é pois un enorme engano á cidadanía. O concurso eólico que estas semanas ocuparon aos medios de comunicación non mais que pola morbosa curiosidade de saber quen eran os empresarios que contaban con mais favor entre a clase política, invalida, segundo denuncian os ecoloxistas todas as garantías ambientais. Así de rotundo: Para a Medio Ambiente non é posible emitir unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) negativa para ningún parque eólico que lle solicite algunha das empresas adxudicatarias do concurso sen facer incurrrir á Xunta en responsabilidades económicas derivadas dos compromiso adquirido ao facer as adxudicacións.

Do mesmo xeito que fixo Fraga no goberno anterior, a enerxía eólica foi visionada por este goberno exclusivamente como un gran negocio especulativo. Un enorme pastel que decidiron repartir ao seu gusto e polo que se abalanzaron miles de sociedades de todo tipo e condición creadas sobre a marcha a ver qué caía. Dende Fun Polo Vento S.L (non é broma) ata Vento do Lombao S.L. (faltaría mais). Esa é a causa de que se atomizase a potencia a repartir e de que, en consecuencia, se multiplicasen os parques eólicos, cando unha opción mais sostible e perfectamente viable sería a repotenciación dos parques existentes.

A mesma explicación ten o feito de querer a facer un reparto dun ben público que podería administrar a comunidade. Que aclaren por qué administración se reserva soamente ese tan pregoado 14% da producción eólica ( obtido en virtude da polémica cesión de dereitos que ofreceron as empresas como mérito a avaliar no concurso) pudendo reter a totalidade de tan lucrativo negocio. Alardean nada menos que de habernos feito perder un 86% de ingresos para a comunidade?. Qué, dámoslle un premio?

Tan poderosa é a seducción que exerce o poder entendido como reparto de prebendas que moi poucos foron os meses que tardaron os dous partidos no goberno en mudar as duras críticas que fixeron ao goberno anterior. Todas as actuais disensións non tratan doutra cousa que de impoñer aos seus propios apadriñados. A coartada, maior recadación para os concellos (o chocolate do loro), coa que tamén se pretendeu no seu momento xustificar outra gran desfeita ambiental, a desorde xeneralizada no crecemento urbanístico.