Durante as xornadas sobre xestión sostible de montes ás que tivemos o pracer de asistir o pasado novembro (alomenos parcialmente), escoitamos a Rafael Girón facer a presentación dos actos e, en consonancia co clima que reinaba, declarar a súa fonda sensibilidade coa sostibilidade e o medio ambiente, particularidade súa que algúns dos presentes descoñecíamos.

Para ratificar que tales temas están entre as súas preocupacións, debe contar o feito de haber implementado recentemente a alcaldía unha medida fiscal para fomentar o uso de medios de transportes pouco contaminantes: A medida adoptada polo Concello consiste en reducir en un 75% o Imposto de Vehículos aos automoviles de motor eficiente, como os eléctricos, de hidróxeno ou de biodiesel (La Voz de Galicia). Esta rebaixa supón indiscutiblemente un xesto contra o cambio climático e, como tal, non debe desbotarse, nin tal cousa queremos facer. Nembargantes, en rigor, non cremos que polo pronto esta reducción de impostos chegue realmente repercutir nos ingresos do Concello (o que por outra banda pode ser un alivio para o alcalde dada a delicada situación das finanzas municipio), xa que aínda que algúns fabricantes anuncian a xeneralización no mercado de vehículos de motor eléctrico (a tecnoloxía de hidróxeno están aínda en cueiro, que saibamos), de momento o elevado prezo, a falta de velocidade e nomeadamente de autonomía destes automóbiles, teñen escaso atractivo no mercado a pesar das vantaxes fiscais ( o Estado tamén ofrece o aforro do imposto de matriculación aos vehículos non contaminantes).

Para que este interese do alcalde por contribuír á loita contra o quentamento global tivese mais efecto que un simple xesto, propoñemos que, pola contra, se lle aplique unha recarga no imposto de vehículos aos modelos mais grandes e potentes (nomeadamente todoterrenos), que teñen unha taxa de emisións de CO2 a atmosfera moito mais altas que o resto. Quizais a medida sexa mais impopular, pero alomenos non vai prexudicar as malpocadas contas do municipio, e aínda que non teña apenas efecto disuasorio sobre o usuarios destes coches, alomenos terá un sentido exemplarizante: Quen contamina, paga.

Pero, volvendo aos montes e ao medio rural, que no transcurso das mencionadas xornadas dixo querer protexer por riba de todo, témoslle que lembrar ao alcalde que todos os montes de titularidade pública explotados polo municipio, están sendo dedicados ao monocultivo de eucalipto, con sistemas de producción intensivo e constituíndo así un deplorable exemplo de xestión sostible. Se realmente quere amosar a súa boa disposición cara unha utilización dos recursos ecolóxica e respectuosa coa biodiversidade, suxerímoslle que comece por converter estes montes públicos nun modelo sustentable como de feito se está a facer en outros concellos, por exemplo na comarca de Oscos que os asistentes ás xornadas tiveron ocasión de visitar e onde puideron comprobar os beneficios sociais e económicos que se derivan dunha visión non productivista e integradora do medio natural.

O alcalde ten tamén moitísimo que facer en canto a desenvolvemento rural: Todo o que aínda non se fixo para dárlle aos que o habitan o nivel de servizos que merece todo cidadán, a saber, saneamento público e traída de augas para todos, tendido eléctrico que garantice o suministro (lembrámoslle que en demasiadas ocasións as parroquias quedan sen luz varios dias en pleno inverno), liñas telefónicas de calidade, acceso a internet (do de verdade, do que seguramente ten él na súa casa), ou mais e mellor asistencia sanitaria. Esas son so algunhas as cousas das que carece o rural nesta comarca e que poden evitar o seu despoboamento. Ese é o destino prioritario dos cartos públicos e ese é o traballo deste alcalde. O demais son contos e discurso verde completamente baleiro.