O PESO ELECTORAL DA LEI DOS 500 METROS
Construír a pé de costa, nos primeiros 500 metros, depende de que continúe en vixencia a moratoria arbitrada polo goberno de Touriño de xeito provisional ata que se aprobe a Lei do Litoral, o que non vai ocorrer antes do 2010. De non prorrogarse, esta cativa medida de protección caducará en maio deste ano, e non vos quede a menor dúbida de que, con crise ou sen ela, o sector inmobiliario aproveitará para abalanzarse sobre canto chan urbanizable haxa nesta franxa do litoral mentres as corporacións locais farán por recalificar o que poidan en beneficio dos especuladores (en algúns casos, eles mesmos).
A lei de protección dos 500 metros foi unha medida promovida a principios da actual lexislatura por unha Consellería de Política Territorial que aínda amosaba vontade de poñer freo a unha desorde urbanística que escandalizaba a toda a cidadanía de criterio en España e en Europa; vontade morna que quixo materializarse en algunhas medidas como a creación de novos servizos de inspección urbanística, pero que se foi diluíndo baixo a presión de concellos, e lobbies inmobiliarios. A estas alturas, a Consellería ten aprobados ou en vías de aprobación PXOMS tan cuestionados como o de Vigo e Lugo que multiplican a edificabilidade respecto aos plans anteriores; a actividade dos novos inspectores urbanísticos, de existir, non parece ter ningún efecto, e da falta de dilixencia de Urbanismo temos proba nesta mesma localidade (caso Parquemar) e noutras moitas, como Sanxenxo, Cangas, Pontedeume....onde a falta de transparencia e o silencio ante as denuncias cidadás son xa a resposta habitual da administracción .
Moitos casos poñen de manifesto que o control autonómico en materia de urbanismo sucumbe ante ante as presións dos axentes políticos municipais, dos que dependen eleitoralmente (posiblemente mais que na dirección oposta). Proba desto é que segue paralizada a tramitación dos planeamentos urbanísticos na maioría dos concellos, aínda que o planeamento vixente non se adecúa á lei, sen que nada aconteza, sen que se lles obrigue a “legalizarse” nun prazo razoable. Por qué? Porque se agarda que finalmente a Xunta considere que é o momento oportuno para rebaixar as esixencias de sostenibilidade ambiental impostas.
O descontrol urbanístico desacelerouse, certamente, pero foi por efecto da crise e probablemente de xeito pasaxeiro, pero en todos estes anos non se fixo un esforzo serio de racionalización urbana, de saneamento dos mecanismos da administración nin de reorientación da economía cara un modelo mais sostible.
Agora a Conselleira Caride anuncia un decreto de prórroga para a protección dos 500 metros que se aprobará xusto despois dos comicios autonómicos, polo que a medida queda polo momento no ar. O PP, de gañar as eleccións, nunca lle daría continuidade a unha lei na que non está interesado nin cre, pero tamén o PSOE prefire aparcar o espiñoso tema ata despois, quizais por salvagardar as espectativas de quen esperan que a prórroga quede realemete no ar, e ao tempo, cara aos que cremos necesario manter esta medida de protección do litoral, para condicionarnos á súa continuidade á do partido no goberno. Non somos retorcidos, é que non hai nada que non este calculado en política, e as eleccións son o único que os nosos políticos planifican con celo e meticulosidade.
!--[if>!--[if>![endif]-->![endif]-->

