Perante os últimos trinta anos (auxe do neoliberalismo) difundíronse como dogmas económicos irrefutables unha serie de principios que a actual crise está a desmontar incontestablemente. O primeiro destes principios era o da autorregulación do sistema. O Estado era un estorbo do desenvolvemento económico. O intervencionismo, o gran pecado, e Keynes (o seu teórico) un "marxista refinado", a "coartada das socialdemocracias" . Agora descubren que o que provocou este estado de crise profunda foi exactamente a falta de regulación das institucións financieiras. O mercado auto-regulado resultou ser que non existe, que ten un comportamento desordenado e impredecible e que pode provocar buratos financieiros sen fondo. Salvo que isto non é tan novo: En 1929 outra profunda crise coa que estase a comparar a nosa, a Gran Depresión, foi provocada tamén pola inestabilidade inherente ao mercado, e tivo que ser afrontada polos estados cunha política intervencionista planificada. O obxectivo era "regresar " o sistema ao estado anterior á crise, chamouse New Deal e foi concebida en EUA polo presidente Roosvelt, desenvolvéndose logo en moitos programas de goberno diferentes, segundo as particularidades dos estados que adoptaron os seu principios. Agora os gobernos deben emprender un novo New Deal: Agora compre gastar, investir diñeiro público para crear emprego, reactivar a economía e recuperar o sistema. Tamén os nosos gobernos central e autonómico están na liña de adoptar este modelo  de xeito invariante: Ademais de inxectar fondos ás entidades financieiras (coa promesa de manter o control e a vixiancia) apostan por investir en obra pública, nomeadamente, e demostrando unha notable falta de ideas, de duas clases: Comunicacións (autoestradas, tren de alta velocidade...) e vivendas de protección oficial. Tamén eles teñen por obxectivo retornar a un estado idéntico ao anterior á crise. Mais ese é o problema, ahí reside a  inconsistencia fundamental desta política: Estase a investir diñeiro e esforzos en reflotar un modelo económico cuia excesiva dependencia do sector da construcción demostrou ser  causa estructural da crise e que, nomeadamente, manifestouse ambientalmente insostible. A necesidade social destes investimentos públicos é de por si moi cuestionable na actual dinámica demográfica de recesión, con miles de vivendas baleiras e un panorama enerxético que a medio prazo vai a provocar o abandono do actual modelo de comunicacións baseado no automóvil. Pero ademais deste xeito estase a  profundizar naqueles aspectos da economía que provocan o quentamento global e que son mais insustentables.

Pero un outro New Deal é posible. Aínda que con exito desigual, ao intervencionismo do 29 se lle recoñece o mérito de haber dado un primeiro paso cara a introducción de políticas sociais e ao Estado do Benestar. A nova crise debe ser agora tamén o detonante dun cambio político que de prioridade aos intereses dos cidadáns, non do capital financieiro. Pero é necesario nembargantes cambiar os parámetros tradicionais e ser capaces de percibir os retos dun novo panorama económico. Bautizada co nome de Global New Deal ou de Green Economy esta alternativa estase a defendader entre outros por Ban-Ki Moon, Secretario Xeral da ONU. A  proposta contraría a tese tradicional de que a defensa ecolóxica se opón ao desenvolvemento económico. Pola contra, considera que precisamente a loita contra o quentamento global é a grande oportunidade de dar saída á profunda crise de modelo económico que sacude a nosa economía. O traballo dos gobernos debe consistir en reorientar a actividade económica cara a economía real: A que responde as necesidades da xente de forma eficiente suministrando servizos e productos sen malgasto dos recursos naturais e enerxéticos que caracteriza o actual modelo. Tamén a OIT afirma que esforzos diversos por reducir o cambio climático e os seus efectos poderían crear millóns de postos de traballo tanto en paises industrializados como en vias de desenvolvento. Enerxías renovables, transporte colectivo, tratamento sustentable dos residuos, recuperación de espazos degradados,adecuación das infraestructuras públicas e das vivendas para o aforro enerxético...Ecoloxía para sair da crise. Non é un sarcasmo neoliberal. A melodía empeza a soar en mercados financieiros. Entidades como o Deustche Bank fala da "economía verde que pode evitar unha recesión severa". É posible que facer unha verdadeira política social sexa tamén o camiño para saír da crise. O camiño das economías vencedoras, como di o economista Jeremy Rifkin. Pola contra, inxectar miles de millóns de fondos públicos en modelos esgotados será un terrible desperdicio e hipotecará o noso futuro económico.

"Um novo tratado ecológico global" Artigo de Achim Steiner

"So o negocio verde pódenos salvar" Entrevista con Jeremy Rifkin