Núñez Feijoo quere protexer o litoral, quere ordenar o territorio e quere facelo coa participación dos “axentes sociais”. Eso manifestou no seu discurso de investidura e coa intención expresada deberiamos concordar plenamente. Xa está ben de indeterminación xurídica no urbanismo, na protección do litoral e no uso do solo. Non temos dúbida de que esa é a orixe da corrupción, da desorde, do feísmo, e de abusos de todo tipo. Acabemos con iso. Requírese facer o que non soubo ou non quixo (perdeuse en consideracións de oportunidade política) o anterior executivo: Se houbese unha lei de protección do litoral aprobada non precisaríamos, en efecto, prorrogar a moratoria para construír nos primeiros 500 metros de costa, medida xeneralista e arbitraria que non responde a condicións concretas de cada lugar.
Poren, e por desventura, temos a sospeita de que as xuiciosas verbas de Feijoo están lonxe de significar o mesmo para todo o mundo (qué versátil se volveu a linguaxe, que xa nada significa algo con certeza). Tal presunción procede da designación por Núñez Feijoo dos “axentes sociais” aos que vai ofrecer participar na elaboración deste proxecto de ordenación. O presidente entende que estes son en primeiro lugar os empresarios da construción, os seus mais destacados interlocutores desde que se sabe presidente da Xunta; e en segundo e último lugar, que escoitáramos, os representantes dos municipios, que ademais, para que non haxa enoxosas discrepancias, coinciden en todo punto cos primeiros: A saber, fundamentalmente en que aquí non houbo nin hai desorde urbanística ningunha, salvo a provocada pola moratoria dos 500 metros. Por suposto que estes “axentes sociais”, se declaran firmes defensores do litoral, da sustentabilidade e do medio ambiente, e proclaman a súa intención de seguir a obrar na súa defensa, como fixeron ata agora, que ninguén o dubide.
De feito, o actual modelo de ordenación urbana llelo debemos en exclusiva a estes dous "axentes sociais". E tamén a unha lei feita á súa medida, pensada para poder ser contravenida e dotada dos mecanismos axeitados para facer todas as transmutacións que fixeran falta, de rural en urbanizable e de urbanizable en urbano: Ningunha figura legal é definitiva, nada está consolidado. Nin zonas verdes, nin espazos públicos, nin xacementos arqueolóxicos, nin litorais, humedais ou ribeiras. Non hai zonas de especial protección que vallan. Todo é susceptible de ser urbanizado cun pouquiño de vontade política e “social”. Todos os concellos deso saben o seu. De haber algunha limitación, sería a que dispuxesen eles mesmos, en beneficio do seu mais lucrativo negocio, que no é a construción, non. O negocio redondo é especular co solo: Plusvalías millonarias tras una recalificación oportuna. Compro un monte e aos poucos meses teño un solar de valor astronómico. Non entremos no tema das comisións, porque iso non se recoñece, alomenos públicamente. Eses son os “axentes sociais” de Núñez Feijoo. Os demais so pasábamos por aquí.
Ben, pois esa “ordenación” xa está feita, e leva a funcionar tempo dabondo para poder comprobar a súa eficacia desurbanizadora. Se iso é o que quere, señor presidente, non pase mais traballo: Vostede déalle carta blanca aos PXOMS tal cual se levan presentado en Urbanismo para a súa avaliación inicial, elaborados polos concellos coa inestimable participación dos promotores inmobiliarios (doutro xeito non se entende tanta sintonía cos seus intereses), e xa está: Queda todo legalizado, amoratoria dos 500 metros desactivada, os seus “axentes sociais” encantados da vida, e vostede pode marchar para a casa e descansar.
Pero si de verdade quere ordenar o urbanismo,si eso fose certo, aínda que a apariencia é que tenta despistar ao resto de axentes sociais do país, vai ter que ir excluíndo do proxecto xusto a eses cos que pensaba contar. Porque o modelo económico que defenden probadamente baséase na desorde urbanística, na indeterminación xurídica e no crecemento indiscriminado, conceptos todos eles que contradín o de sustentabilidade, o de protección ambiental e o de orde. Os seus axentes sociais non van salvaguardar o litoral do cemento, porque formigonalo sen trabas é a súa maneira de enriquecerse, aínda que sexa do transitorio xeito que permite a duración dunha burbulla inmobiliaria antes de que nos estoupe na cara. A eles sempre lles vai compensar. Os beneficios son inconmensurables. Non van notar as crises conseguintes e perante as recesións esperarán tan cheos a que chegue o seguinte ciclo expansivo.
Se quere orde urbanística, presidente, e se quere tamén aforrarnos algunhas probables crises económicas aos que realmente as sufrimos, so hai un camiño: Cambiar o modelo. Modificar o sistema legal que favorece a especulación. O solo urbano non se pode liberalizar, porque ten un uso social. E o beneficio empresarial non se pode contar entre os seus usos sociais (Non se alporice: Isto é así en estados perfectamente capitalistas, xusto alí onde existe o urbanismo e se reflicte nas súas ordenadas vilas) .Eliminando o espurio valor de cambio do solo, as vilas crecerían en harmonía coa súa poboación efectiva e poderían ser deseñadas para a vida. Quizais aparecería por fin a figura do urbanista e quizais se fixera urbanismo de verdade. O litoral deixaría de sufrir tanta presión e ata conservaría o valor que ese turismo que tanto desexa atraer aprecia. Pero o mais importante: Afastaríase a corrupción dos concellos e faríase posible a rexeneración democrática deste país. Os que promovemos ese outro modelo tamén somos axentes sociais. Somos os cidadáns que habitamos este maltratado territorio. Ignorarnos é obrar en contra dos nosos intereses. Non o esqueza.
!--[if>!--[if>![endif]-->![endif]-->



Yo me pregunto qué clase de agentes sociales son los técnicos urbanistas que en la veiramar se encontraron con un pantano dentro de la cimentación y si no estaba inspirada la serie en la parábola del Enigma de S. Agustín.
eu tamén me o pregunto
Es una cuestión de sentido común, creo que socabar y edificar en la vera del mar, pantano, lago, río, humedal..., por mucho aislamiento y materiales modernos que se pongan, la húmedad siempre hará acto de presencia, porque las aguas siempre retornan con el tiempo al cauce que las vio manar. Por ende, si utilizamos desumificadores, pensaba, retornamos al mismo principio expuesto de la parábola, pero a la inversa.